O estraño ditador

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Morreu Hugo Chávez e con el vaise, para ben ou para mal (segundo quen o diga) unha parte importante da historia contemporánea de Latinoamérica e, atreveríame a dicir, de todo o mundo actual. Non coñezo, e dígoo completamente en serio, outro político máis atacado polos medios de comunicación de masas que intentaron facernos crer que este home, que gañaba elección tras elección en Venezuela era un auténtico monstro e un sátrapa demoníaco.

Ese é outro tema. Chávez (gústelles ou non a estes medios e aos seus acólitos) recibiu durante tódolos anos dos seus mandatos o apelativo de ditador. Curioso ditador, cuxo partido gañou nada menos que 13 eleccións (entendidas á maneira da democracia occidental. Vamos, iguais que as españolas). Ah, pero Hitler tamén gañou eleccións, din os “entendidos”, os pseudointelectuais de dereitas. Si, hai que responderlles, pero gañou unha e xa non houbo máis. Chávez, volvo repetir, gañou 13. A última pelexándose con toda a oposición unida e baixo a vixilancia de organismos internacionais. Non votaron os mortos nin nada, polo que parece. Ollo! Que non digo que estean todos de acordo con que as gañara, pero se teñen que aguantar. Igual que aguanto eu a Rajoy e, a pesares da asfixia á que está levando ao país, aínda non lle chamei nunca ditador.

Si, si, pero encabezou un “golpe de Estado”. Isto é o que me fai máis graza de todo. Un tempo antes do “golpe”, o goberno venezolano protagonizou o famoso “Caracazo”, onde fixo ao exército atacar aos cidadáns (de clase baixa, por suposto) que protestaban pola súa situación. Houbo mortos a moreas. Oficiais como Chávez negáronse a continuar con esa política do goberno e encabezaron esa rebelión. Non, non se lle uniron xenerais senón oficiais de rango medio. Perderon e, aínda por riba, o pobo (que é así) pasou a consideralo unha especie de heroe. Aquí considerárono un golpista curiosamente os mesmos que, un día si e outro tamén din polo baixo: “esta situación de crise pasará cando as Forzas Armadas…”. Cantas veces o teño oído xa.

O problema máis importante que tiñan todos estes medios e gobernos con Chávez é moi sinxelo: non se dobregou. Non se converteu na marioneta que eles querían que fose. Tiña petróleo? Pois si, pero en lugar de agasallar con el ás grandes potencias mundiais dedicaba unha gran cantidade a véndelo máis barato a outros países en desenvolvemento. Ás veces, coma no caso de Cuba, a cambio de médicos. Solidariedade internacionalista chámaselle a iso. O problema é que países como o noso esquecéronse diso fai moito.

Non se enganen. Non me gustaron nunca demasiado as maneiras populistas de Hugo Chávez (como non me gustan as de ningún outro político). Non me gusta que o embalsamen, coma se fose Lenin ou Ho chi Minh (quen, por certo, nunca quixeron que os converteran en momias), pero a súa Revolución Bolivariana é un fito xa na historia: un goberno que aumentou o gasto público nun 60% (impensable aquí), que reduciu a pobreza dun 71% a un 21%, que erradicou o analfabetismo… Que raro que as clases populares o votaran, ¿verdade?

Ah, por último. Si, hai venezolanos que se foron de Venezuela fartos de Chavez e das súas políticas. Están en todo o seu dereito, por suposto. E, por iso, é unha ditadura, xa llo di El País. Porén, na nosa democracia, como todos sabemos, ningún español marchou nos últimos anos farto das políticas de austeridade impostas por PSOE e PP, ¿a que non? Pois iso. Estraño ditador.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …

Un comentario

  1. Habrà gente que no sea partidaria de los modos y maneras con los que Don Miguel describe, alaba o critica los acontecimientos actuales, yo lo soy , pero eso no impide que a veces no pueda compartir la mayoría de sus diatribas por el sesgo àcido que siempre da a sus crónicas .Es una pena tener por enemigo al mundo.