Conde chama ao traballo conxunto en favor do naval

conselleiro de industriaO conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, chamou ao traballo conxunto para que o naval galego “se posicione internacionalmente onde merece, cun produto moi avanzado tecnoloxicamente e cunha destacable diferenciación”.

Conde, que recordou que o Goberno galego aposta por un sector forte, competitivo e innovador, pediu á oposición que “deixen a demagoxia e suban ao barco dos esforzos produtivos”. “Prégolles que muden a súa postura para adoptar un verdadeiro espírito construtivo”, sinalou.

Destacou o conselleiro que “o apoio da Xunta ao sector naval é máis que un compromiso, e así o temos demostrado”. O conselleiro referiuse a feitos concretos como o acordo estratéxico coa petroleira Pemex, grazas á intensa labor comercial levada a cabo pola Xunta. Dentro desta alianza, tal e como recordou o conselleiro, xa se asinaron contratos para a construción dos floteis de Navantia e Barreras, e inclúense tamén avances para a construción de 25 embarcacións para a renovación da flota menor da petroleira, en colaboración con estaleiros de México. Ademais, tal e como remarcou Conde, o núcleo loxístico que se situará no Porto Exterior da Coruña suporá un evidente incremento de tráfico de buques “que poderán contar para o seu mantemento cun dos mellores centros de reparación naval do mundo”, en referencia a Navantia.

Tamén recordou Francisco Conde o traballo feito pola Xunta para conseguir un novo sistema de tax lease para volver poñer aos nosos estaleiros en igualdade de condicións que os do resto de Europa, así como a reactivación de Pymar, coa creación do novo Fondo de Garantías Patrimoniais.

Ademais, subliñou que durante a pasada lexislatura se puxeron a disposición das empresas do naval galego máis do 80 millóns de euros que fixeron posible a supervivencia de moitos estaleiros e da súa industria auxiliar, ademais de incentivar a innovación, fomentar a internacionalización, e mellorar a formación especializada.

“Temos que reafirmar os avances logrados e seguir traballando para colocar ao naval galego no lugar que se merece”, asegurou o conselleiro. Así, Conde, salientou que unha das principais liñas a seguir nesta lexislatura é o reforzo financeiro do sector, como queda de manifesto nos orzamentos aprobados onte, nos que se inclúe a mobilización de 60 millóns de euros en avais para os estaleiros galegos.

Por outra banda, tal e como apuntou Conde, reforzaranse as actuacións de diplomacia internacional, de maneira especial en Latinoamérica, co obxectivo de consolidar a carga de traballo. “Estamos traballando sen descanso por garantir a viabilidade do sector naval, dos seus estaleiros e, sobre todo, dos miles de familias que del dependen”, sinalou o conselleiro.

 

 

 

 

Lea también

Mar dará ayudas por un millón para parada temporal de bancos marisqueros en Ferrol

La Xunta convoca ayudas, dotadas con un millón de euros, para financiar la parada temporal …