A Deputación da Coruña destina 800.000€ para impulsar o sector pesqueiro e marisqueiro da provincia en 2026

As subvencións están dirixidas a confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores e estrutúranse en dúas liñas de actuacións. A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, subliñou o compromiso da entidade provincial co sector, ao que definiu como “esencial para a economía da nosa provincia”.

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) dúas novas liñas de axudas dotadas con 800.000 euros destinadas a fortalecer o sector pesqueiro na provincia. As subvencións están dirixidas a confrarías de pescadores, federacións provinciais das confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores e estrutúranse en dúas liñas de actuación: por unha banda, o apoio ás actividades das entidades e, pola outro, ao impulso de investimentos.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, destacou a importancia deste apoio económico da Deputación para para garantir a viabilidade, a modernización e a profesionalización dun sector estratéxico para Galicia, que ademais de riqueza económica xera cohesión social, emprego local e mantén viva a nosa cultura mariñeira”.

As confrarías xogan un papel fundamental nos munipios costeiros e merecen o apoio decidido das administracións públicas. Desde a Deputación da Coruña queremos estar ao seu carón, colaborando para que o mar siga sendo futuro”, engadiu Capelán.

Melloras na actividade

A primeira liña de axudas, dotada cun orzamento de 650.000 euros, abrangue dúas modalidades:

A primeira, que conta cun orzamento de 500.000 euros, permitirá financiar actuacións para mellorar o desenvolvemento e modernización das actividades propias con accións como o alugueiro de maquinaria ou equipamentos, a contratación de persoal para as confrarías ou para vixilancia marisqueira, e a adquisición de sementes de moluscos.

A segunda, cun importe de 150.000 euros, destinarase á organización de festas e accións de promoción dos produtos pesqueiros, cubrindo gastos de promoción, alugueiros, servizos de empresas e seguros específicos. Cada ano, festas gastronómicas tradicionais como a Festa do Percebe do Roncudo de Corme, a Festa da Centola de Lorbé ou a Festa do Marisco de Barallobre (Fene) contan con axudas da Deputación para promocionar produtos de calidade

No relativo á outra liña de axudas, dotada con 150.000 euros, está destinada a investimentos e melloras nas infraestruturas nas confrarías e agrupacións. As entidades poderán solicitar subvencións para actuacións como a mellora do equipamento das lonxas nos aspectos técnico-sanitarios do persoal e de oficina, a aplicación de novas técnicas para a modernización do proceso produtivo, a adquisición de vehículos para o desenvolvemento da actividade e obras de acondicionamento dos locais.

Lea también

Trabajadores de Navantia Ferrol se concentran ante la sede del PSOE para denunciar «listas negras» en Cádiz

Varias decenas de trabajadores convocados por el sindicato CGT se han concentrado en la tarde …