O pleno da deputación aprobou o informe favorable á fusión dos concellos de Oza e Cesuras

diputacion-plenoO pleno da Deputación da Coruña aprobou o informe favorable á fusión voluntaria dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras, cumprindo así cun requisito indispensable para que a tramitación do expediente continúe na Xunta.

Segundo o informe elaborado pola secretaría xeral da institución provincial, a fusión proposta “baséase e xustifícase en consideracións de orde xeográfica e económica e na estimación por ambos concellos de que da alteración se derivarán importantes vantaxes en canto á prestación de servizos”.

Engade que, unha vez vistos os informes remitidos desde a Dirección Xeral de Administración Local, “a tramitación do procedemento de fusión dos municipios de Oza e Cesuras se axusta ao disposto pola normativa aplicable” e que “concorren razóns de conveniencia e de oportunidade que aconsellan a fusión, xa que, segundo estiman os concellos interesados, o novo municipio estará en disposición de garantir unha prestación de servizos máis eficaz e eficiente sen mingua da calidade da democracia local”.

Finalmente, a proposta do presidente Diego Calvo presentada  ao pleno lembra “a posición histórica da Deputación da Coruña, caracterizada por presentar reiteradamente proxectos de redución do número de municipios e por favorecer as incorporacións singulares que se lle propuxeron”.

Así, entre outros exemplos, faise referencia a que xa na última sesión da Deputación única de Galicia, en 1814, os deputados advertían “que era excesivo o número de concellos. En 1837, ademais, a Deputación da Coruña pedía unha “redución substancial do número do concellos”, aínda que tan só se logrou, en 1841, a fusión dos distritos municipais de Poboa de Deán e de Caramiñal.

En 1842 volveuse retomar este asunto cunha proposta de reducir os entón 100 concellos a un total de 52. Tampouco este proxecto levouse a cabo, pero a Deputación coruñesa plantexou en 1849 un novo plan de redución a 48 concellos e, no ano 1852, levo a pleno unha proposta dun mapa provincial con 14 concellos.

A pesar de todas estas iniciativas, algúns exemplos de modificacións do mapa territorial que frutificaron co apoio da Deputación foron, entre outros, a fusión de Poboa do Deán e Caramiñal no ano 1841; a incorporación a Santa Marta de Ortigueira dos distritos municipais de San Adriano de Veiga, Couzadorio e Freires en 1850; ou a incorporación de Vilarmaior a Pontedeume en 1872. Xa máis preto no tempo atópase a incorporación de Santa María de Oza á Coruña en 1912 ou a incorporación de Serantes a Ferrol en 1940.

Primeira fase do POS 2013

Tamén no debate plenario aprobouse unha primeira fase do Plan de Obras e Servizos deste ano. En concreto, deuse luz verde aos proxectos presentados por 78 concellos dos 94 da provincia, o que supón unha inversión da Deputación de 12.802.401,13 para obras e 6.876.908,89 para axudar a sufragar o gasto corrente dos concellos.

Destes 78 concellos, un total de 26 non farán ningunha achega ás obras do POS provincial xa que, como se recordará, unha novidade deste ano foi anular o 5% obrigado que ata agora tiñan que por os concellos.

Para este exercicio 2013, o Plan de Obras e Servizos está dotado con 24,2 millóns de euros, aportados integramente pola Deputación e repartidos con criterios obxectivos: un 10% de cota fixa, un 5% segundo o esforzo fiscal do concello; un 15% tendo en conta o número de parroquias; un 35% segundo a poboación; e outro 35% segundo a superficie.

Plan de conservación de vías provinciais

Ademais, por unanimidade de todos os grupos que forman a corporación, o pleno aprobou o plan de conservación de vías provincias, dotado este ano con 8.012.079,76 euros, fronte aos 6,5 que se destinaron a este mesmo plan o ano pasado.

Antes do comezo da sesión plenaria, todos os grupos da corporación deron lectura a un manifesto con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora o próximo 8 de marzo e a unha declaración institucional en contra do peche da Fábrica de Armas da Coruña.

 

 

 

 

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …