Esta Unidade abrangue a atención ó redor de 50.000 persoas da Área Sanitaria de Ferrol, que serán atendidas no andar 0 do Hospital Naval, a partir deste xoves 19, mentres dure esta intervención, que se estima en ó redor de catro meses. O obxectivo deste proxecto é a mellora e humanización desta Unidade cunha reforma estrutural e a dotación de novo mobiliario e crear así unha Unidade de saúde mental máis accesible.

A Unidade de Saúde Mental (USM) do centro de saúde de Caranza no Concello de Ferrol trasládase de xeito provisional ó andar 0 do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol mentres se realizan obras de reforma na mesma para a súa mellora.
Nesta Unidade de Caranza, desenvolven a súa actividade un total de cinco profesionais, dous psiquiatras, un psicólogo clínico, unha enfermeira especialista en Saúde mental e un profesional administrativo; e a atención abrangue ó redor de 50.000 persoas da Área, que serán atendidos no andar 0 do Hospital Naval, a partir deste xoves 19, mentres dure esta intervención, que se estima en ó redor de catro meses.
Tal e como indican dende o Servizo de Psiquiatría do Complexo, o obxectivo deste proxecto é a Humanización desta Unidade cunha reforma estrutural e a dotación de mobiliario. Preténdese crear así “unha Unidade de saúde mental máis accesible a todas as persoas; e, de xeito paralelo, xerar unha contorna amigable e acolledora que invite á tranquilidade e á reflexión, tan necesarias en pacientes que padecen enfermidades mental”.
Contorna terapéutica que facilite a recuperación
Esta acción persegue igualmente a creación dunha contorna terapéutica na Unidade de Saúde Mental que facilite a comunicación, a recuperación e a psicoterapia. “A modificación da Unidade de Saúde Mental busca garantir unha atención adaptada ás súas necesidades específicas, considerándose esa contorna como un axente terapéutico activo de gran relevancia”, explican.
Así, introduciranse elementos cómodos e confortables que faciliten a expresión emocional e a psicoterapia; e adaptados para as persoas que visitan a Unidade. Ademais, o espazo será polivalente, para modificar espazos e adaptalos ás necesidades individuais de cada paciente. Téñense en conta tamén as cores, que serán suaves para facilitar a relaxación e terapia. Esta intervención é con cargo aos fondos asociados ao Plan de acción de saúde mental 2025-2027 do Ministerio de Sanidade.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.