
A Área Sanitaria de Ferrol-ASF colabora coa Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) para dar visibilidade a esta enfermidade. Así, unha exposición fotográfica activábase esta mañá, no primeiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol co título Máis aló do visible. As imaxes son de persoas implicadas na enfermidade que de xeito voluntario se deixaron retratar co obxectivo de transformar narrativas e prexuízos fronte a esta enfermidade.
Estaban neste acto inaugural por parte da Área, xunto on integrantes de FEGADEM, o director de Atención Hospitalaria da Área, Daniel Núñez; a subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Estrella López-Pardo; a supervisora de Atención ó Paciente e Humanización, Laura Almeida; e profesionais facultativos e de Enfermaría da consulta monográfica, en nome de tódolos integrantes da consulta.
Así, segundo indican dende FEGADEM, “a imaxe que a sociedade ten das persoas con Esclerose Múltiple ou con discapacidade adoita relacionarse coa pena, a protección excesiva ou a infantilización, fomentando a dependencia e o asistencialismo en troques de buscar a autonomía”. Esta perspectiva, segundo eles, perpetúa os prexuízos que existen sobre as persoas con discapacidade. A pesares dos paulatinos cambios nas narrativas sociais e mediáticas, estas adoitan centrarse na enfermidade e non nas experiencias, voces e emocións das persoas, explican.
Por isto consideran que é “esencial traballar na visibilidade e sensibilización para lograr unha sociedade máis inclusiva. Ademais, é fundamental reflexionar sobre a autoimaxe, xa que as persoas con Esclerose Múltiple tamén poden aceptarse e valorarse sen que a visión social lles afecte de forma negativa”.
Transformar narrativas e prexuízos
O proxecto Máis aló do visible, como xa se dixo, busca contribuír á transformación destas narrativas e prexuízos, e faino a través do enfoque nas historias e nas emocións das persoas con esta enfermidade, promovendo o autocoñecemento, a inclusión e a importancia da saúde mental. Esta iniciativa “pretende fomentar a empatía e a comprensión, reducindo os estigmas asociados e axudando a construír unha sociedade galega máis inclusiva e informada”.
Realizado en tres fases, captación de persoas, elaboración de imaxes e exposición, e análise do mesmo, esta mostra dá visibilidade á Esclerose Múltiple e empodera ás persoas que conviven con ela, fomentando a autoaceptación e o diálogo sobre as emocións, e mudando a arte fotográfica nunha ferramenta de transformación persoal e social. Socialmente, continúan, este proxecto quere promover unha maior empatía e comprensión sobre a esclerose múltiple e creou un espazo de aceptación e apoio para as persoas afectadas. Deste xeito, “botáronse abaixo barreiras invisibles e estigmas asociados a ela. Isto beneficia a estas persoas, pero tamén conciencia ó público sobre a complexidade desta condición e a importancia da saúde mental no seu tratamento”.
Esclerose Múltiple na ASF
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade desmielinizante, inflamatoria e dexenerativa, do sistema nervioso central, de causa descoñecida, cunha idade media ó diagnóstico de 32 anos, aínda que nas últimas décadas están incrementando os casos que debutan por riba dos 50 anos. De feito, é a causa máis frecuente de discapacidade non traumática en persoas novas. É unha enfermidade na que se produce unha inflamación no sistema nervioso central e pode cursar tanto con síntomas nunha primeira fase inflamatoria ou ben de xeito progresivo. A sintomatoloxía é moi variable dependendo de que parte do sistema nervioso central estea afectado, e as síntomas máis frecuentes soen ser visuais, motoras, ou sensitivas, como, por pór un exemplo, perda de visón ou de sensibilidade, ou trastornos de deambulación.
Así, existen tres tipos pacientes con Esclerose Múltiple, os que comezan con abrochos ata derivar nunha fase dexenerativa (Esclerose Múltiple remitente recorrente); noutros casos xa se produce en paralelo unha fase dexenerativa con abrochos (forma clínica secundaria progresiva); ou, por último, nas que a fase inflamatoria non se manifesta (primaria progresiva). Estas dúas últimas son as menos habituais.
A Esclerose múltiple ten máis incidencia nos países do norte, e afecta a tres mulleres por cada home. Galicia é unha das comunidades autónomas con maior prevaleza, tal e como se deriva de estudos realizados en Ferrol. En canto ó diagnóstico e o tratamento, especialistas en Neuroloxía refiren que cada vez se diagnostica máis, xa que hai unha maior detección e se fan máis probas complementarias. Nesta Área, ofrécense os tratamentos dispoñibles para as distintas formas de Esclerose Múltiple mencionadas.

Atención específica multidisciplinar
Ademais, a Área Sanitaria de Ferrol conta cunha consulta monográfica para a Esclerose Múltiple, na que se ven tamén de xeito máis minoritario outras enfermidades autoinmunes do sistema nervioso como a Neuromielite óptica (MNO). Unha vez que se diagnostica a pacientes con esclerose múltiple, fáiselles un seguimento en Neuroloxía, nesta consulta específica, e, ademais, facilítaselle ó paciente unha canle directa de contacto para poder abordar cuestións urxentes. Nesta consulta monográfica sobre esclerose múltiple, no ámbito da Neuroloxía da Área, estase a facer actualmente un seguimento a en torno a 420 pacientes. Diagnostícanse unha media de 10 novos casos ó ano.
Ocúpanse dela dous especialistas en Neuroloxía con cinco consultas ó mes. E conta cunha consulta de Enfermaría no marco desta atención monográfica, que aplica escalas e test de control ós pacientes, e realiza moitas valoracións dos parámetros establecidos no PAI (Proceso de Atención Integrada) que sobre esta enfermidade ten o Sergas. Realiza educación sanitaria; apoio do paciente, por exemplo nas dúbidas dos tratamentos; e, tamén, seguimento de factores que poden axudar a predicir a enfermidade.
Polo tanto, en conxunto, prodúcese unha atención máis directa, especializada e personalizada; e tamén se inclúe asesoramento por parte de persoal formado especificamente. En paralelo, nesta consulta prodúcese a recompilación de datos para coñecer mellor a enfermidade e o coñecemento sobre o perfil do paciente e procesos de autoavaliacións. Particípase no rexistro de pacientes a nivel de Galicia, e estanse a facer os trámites para participar a nivel nacional. Outra das cuestións que distingue esta Área é a avaliación cognitiva por parte de Psicoloxía, directamente vencellada a esta consulta.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.