O candidato ao Senado asegura que “con Feijóo as pensións están garantidas” e manterase o seu poder adquisitivo cunha actualización anualconforme ao IPC e o control dos prezos.

O candidato número 1 ao Senado pola provincia da Coruña, José Manuel Rey Varela, e a candidata número 2 ao Congreso, Fabiola García, acompañados da concelleira popular, Rosa Martínez, participaron esta tarde nun encontro sectorial de política social no que se deron cita unha trintena de entidades vinculadas a este ámbito.
Rey Varela comezou a súa intervención agradecendo a participación das entidades e destacando o seu compromiso coa cidade, “unha vez máis, amosades que Ferrol é unha cidade rica e solidaria”. Así mesmo, puxo en valor o labor que desenvolven diariamente, salientando que “complementades e cubrides necesidades dos nosos veciños e veciñas, cun traballo conxunto coa Administración”.
Pola súa parte a candidata ao Congreso, Fabiola García, destacou o esforzo inversor levado a cabo pola Xunta de Galicia na cidade en materia social como o investimento de máis de 3 millóns de euros para o funcionamento da residencia pública autonómica cedida pola Fundación Amancio Ortega; os máis de 2,3 millóns de euros no ámbito da atención ás persoas dependentes e os 175.000 euros para o programa de Xantar na casa. “Galicia conta na actualidade cunha rede de prazas públicas residenciais con máis de 18.000 prazas, que triplican as que había en 2009”, revelou.
Fronte a este compromiso, Rey Varela criticou a falta de investimentos do Goberno de Pedro Sánchez en materia social na cidade e referiuse especialmente á situación do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF). “Como senador, esixín ao Goberno de España investimentos para solucionar as graves deficiencias estruturais do edificio e cubrir as vacantes de persoal existentes, co obxectivo de garantir unha atención de calidade ás persoas residentes. Lamentablemente, non se adoptaron medidas para dar resposta a ningunha destas demandas”, lembrou.
MÁIS APOIO ÁS PERSOAS DEPENDENTES E ÁS SÚAS FAMILIAS
En relación á atención as persoas dependentes e os seus coidados, Fabiola García avanzou a intención do Goberno de Alberto Núñez Feijóo de impulsar un Pacto de Estado pola Dependencia para asegurar un financiamento estable e plurianual dacordo coas Comunidades Autónomas. Ademais, farase efectiva a achega estatal do 50% do custo público do sistema.
As familias deduciranse o 40% do que paguen pola atención profesional dun maior dependente, e o Estado cotizará por quen deixe de traballar ou reduza a súa xornada para coidar a un familiar dependente, cobre ou non a prestación por coidados na contorna familiar. “Trátase de medidas pensadas para axudar a quen máis o precisa, pero tamén para aliviar a carga das familias que asumen cada día a responsabilidade dos coidados”, explicou.
AS PENSIÓNS, UN COMPROMISO DE ESTADO
Pola súa parte, Rey Varela lamentou as mensaxes que está a trasladar á cidadanía a esquerda para xerar incerteza e preocupación sobre o futuro das pensións. “Xa o dixo Feijóo: as pensións son un compromiso de Estado, manterán o seu poder adquisitivo e subirán cada ano co IPC”, un compromiso cos nosos maiores que tanto traballaron por este país. Ademais do incremento do IPC fai falta controlar os prezos, apuntou o popular.
Neste sentido asegurou que o próximo goberno de España garantirá aos máis novos que as súas futuras pensións tamén manterán o seu poder adquisitivo e incentivarase a xubilación activa mediante deducións no IRPF. O candidato popular avanzou tamén a garantía do dereito á atención presencial, a modernización do Imserso e as facilidades que se darán para que os maiores poidan elixir como e onde vivir e recibir coidados. Así mesmo, implementaranse políticas que favorezan unha vida social activa e as relacións entre xeracións.
Outro dos compromisos será mellorar a detección e prevención da soidade non desexada, que afecta a maiores, pero tamén a mozos, persoas con discapacidade e persoas que atravesan situacións de vulnerabilidade a través de programas de acompañamento e a participación social en colaboración con Comunidades Autónomas, concellos e a sociedade civil.

POLA IGUALDADE REAL
Pola súa banda, a número dous da candidatura ao Congreso, Fabiola García, pediu o apoio da cidadanía ao Partido Popular para avanzar na protección das mulleres e na consecución dunha igualdade real e efectiva.
García denunciou a falta de confianza que está a xerar o Goberno de España neste ámbito e reivindicou a necesidade de políticas que se traduzan en medidas concretas de protección, seguridade e igualdade para todas as mulleres. “O feminismo non pode ser unha pancarta electoral nin unha ferramenta de propaganda; ten que traducirse en respecto, igualdade e protección real das mulleres”, sinalou.
Para finalizar, José Manuel Rey Varela fixo un chamamento á mobilización e á participación nas urnas o próximo 29N, “o cambio en España é necesario, e ese cambio virá da man de Alberto Núñez Feijóo”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.