O candidato número 2 ao Congreso, Julián Reina, e os candidatos Alejandro García e Diego García Legarra reuníronse hoxe coa directiva da Confederación de Empresarios para analizar os avances dos últimos anos, coñecer as demandas do tecido empresarial e identificar as actuacións pendentes para impulsar a economía da comarca.

O PSdeG-PSOE mantivo este martes un encontro coa directiva da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) co obxectivo de analizar a situación económica da comarca, compartir propostas e coñecer de primeira man as principais necesidades e reivindicacións do tecido empresarial.
Na reunión, celebrada na sede de COFER, participaron Julián Reina, candidato número dous ao Congreso; Alejandro García, candidato ao Senado; e Diego García Legarra, candidato ao Congreso, xunto con representantes da organización empresarial.
Antes do encontro, Julián Reina destacou a importancia de manter un diálogo directo co empresariado para avaliar os avances acadados nos últimos anos e abordar os desafíos que aínda ten por diante a comarca.
«O obxectivo desta xuntanza é compartir ideas coa Confederación de Empresarios, analizar tanto os investimentos realizados nestes últimos anos na nosa comarca como as novas oportunidades que se están abrindo, e tamén abordar as materias pendentes que ten o Goberno central«, explicou Reina.
O candidato socialista subliñou que este tipo de encontros permiten coñecer as prioridades dos distintos sectores económicos e identificar novas actuacións que contribúan ao desenvolvemento de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
«Queremos seguir pedindo e reclamando o que sexa necesario para que a nosa comarca continúe avanzando e mellorando», afirmou.

Pola súa banda, desde a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal agradeceron a visita dos representantes socialistas e destacaron a importancia de manter unha interlocución fluída coas diferentes formacións políticas.
A organización empresarial lembrou o seu carácter independente e reafirmou a súa disposición a colaborar con todas as forzas políticas para trasladar as necesidades do territorio.
«Para nós é un pracer reunirnos cos candidatos do Partido Socialista ás eleccións xerais. Somos a organización empresarial máis representativa da nosa comarca e unha entidade independente e apartidista, polo que entendemos que debemos manter o diálogo con todas as formacións«, sinalaron desde COFER.
Os representantes da Confederación destacaron a importancia de abordar tanto as cuestións de actualidade económica e social como as propostas de futuro que permitan mellorar a actividade empresarial e as oportunidades de desenvolvemento do territorio.
«Queremos falar das cuestións económicas e sociais que afectan a Ferrolterra e trasladar as nosas propostas e reivindicacións de cara aos próximos anos, sempre na defensa dos intereses dos empresarios, dos autónomos e, por suposto, de toda a cidadanía da nosa comarca«, explicaron.
O encontro enmárcase na rolda de contactos que os candidatos socialistas están a manter con entidades e representantes dos distintos sectores económicos e sociais da provincia da Coruña, co propósito de escoitar as súas demandas e incorporalas ao debate sobre as prioridades da próxima lexislatura.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.