Néstor Rego: “O BNG é a única forza que pode mudar as cousas aquí e en Madrid” .

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou en Fene a concentrar no BNG o voto galego nas eleccións xerais do 29N para darlle máis forza a Galiza en Madrid e para gañar en dereitos e vida digna.
“Temos que concentrar no BNG o voto galego, o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón para darlle máis forza a este País, o voto das persoas que queren avanzar en dereitos e ter unha sociedade máis igualitaria”, proclamou nun mitin de precampaña xunto ao cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego.
Pontón incidiu na necesidade de que Galiza teña máis “peso político” en Madrid da man do Bloque, porque isto implica ter máis capacidade de presión en favor dos galegos e das galegas, máis atención do Goberno central aos problemas do País ou máis investimentos e un mellor financiamento para infraestruturas e servizos.
Para conseguilo, fixo un chamamento á cidadanía a “alzar a voz” para dicir que “aquí está Galiza” dándolle “máis forza ao BNG” fronte á “sordina bipartidista” que considera aos galegos e ás galegas como “a última carta da baralla” da que só se acordan cando hai unha campaña electoral.
“Somos a esperanza doutra política posible que é máis urxente que nunca”, subliñou, para advertir a continuación sobre un modelo, cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos.
Neste sentido, recordou que o territorio que máis medrou no Estado nos últimos 25 anos foi Madrid, unha gran aspiradora de recursos, riqueza e investimentos. “Nestes 25 anos, a pesar de que temos máis recursos naturais que Madrid e de que somos produtores netos de enerxía e Madrid non, Galiza perdeu peso no PIB do Estado e perdeu poboación e industria”, advertiu.
Por iso, incidiu na necesidade de que o País gañe peso político cun BNG que tamén é garantía na defensa dos dereitos das maiorías sociais e dunha unha vida digna fronte a un bipartidismo sistémico que traballa para seguir concentrando a riqueza nas mans duns poucos e para seguir centralizando en Madrid investimentos e infraestruturas.
A líder nacionalista tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou acadar, mentres se aumenta o gasto militar.
Neste sentido, recordou que o gasto militar do Estado para 2026 ascendeu a 35.419 millóns de euros, mentres que nos seus orzamentos só incluíu 2.235 millóns ás políticas de vivenda.
“Se queremos cambiar estas prioridades temos que unir no BNG ás persoas que queren unha sociedade máis igualitaria, con dereitos, liberdades e paz, unir todo o voto das persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón e que lles indigna e doe a discriminación deste País”, concluíu.
Pola súa parte, Néstor Rego afirmou que “o BNG é a única forza que pode mudar as cousas, aquí e en Madrid” e puxo en valor que, co labor cumprido, “podemos presentarnos coa satisfacción do deber cumprido, cumprimos os nosos compromisos”.
O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña contrastou a seriedade e fidelidade do BNG coa Galiza coas promesas electorais das forzas estatais que “unha vez pasan O Padornelo, se esquecen da Galiza” e, por iso, animou a votar con convicción porque “o voto máis útil é aquel que defende a Galiza, mellores servizos públicos, máis pensións, o acceso á vivenda, a reindustrialización de comarcas como esta de Ferrol cun naval punteiro e salarios dignos”.
Rego advertiu sobre a axenda de involución en dereitos sociais e democráticos do PP que pasan por recortar as pensións ou a nosa lingua e apelou ás persoas que neste momento “poden estar decepcionadas para que non fiquen na casa”. Persoas, afondou, que “poden estar decepcionadas cun Goberno que apoiou a escalada belicista, o aumento do gasto militar, non garantiron o acceso á vivenda e non derrogaron integramente a reforma laboral. A alternativa non pode ser ficar na casa. Poden votar con confianza no BNG que nunca falla”.
Por último, incidiu en que “cada voto para o BNG é un voto menos para o bloco reaccionario e un voto para a Galiza”, polo que pediu concentrar o voto no BNG para mudar as cousas. Nunha comarca na que as políticas do PP e do PSOE fixeron perder moito emprego industrial, concluíu animando a mobilizarse na folga do 11N para “defender o traballo, a vivenda e o futuro da Galiza”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.