A Mancomunidade activará un plan de medidas de aforro de auga fronte á seca

Crearase un grupo de coordinación técnica entre os municipios afectados e os seus servizos municipais. Entre as medidas analizadas están as restricións nos usos non prioritarios da auga. Estas restricións levantaranse unha vez que se comprobe e asegure o cambio na situación do encoro de As Forcadas

Pleno da Mancomunidade en Ferrol a 9/11/2026

A Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol analizou este lúns as medidas que se deberán adoptar para facer fronte á situación de seca que padece a comarca, provocada pola falta de precipitacións e polas elevadas temperaturas rexistradas durante o verán, factores que están a afectar directamente ao nivel de auga do encoro das Forcadas.

Este embalse abastece os municipios de Ferrol, Narón, Fene, Ares, Mugardos, Valdoviño e Neda, que suman unha poboación de 140.008 habitantes. A data de hoxe, 9 de novembro, o encoro atópase ao 26,15% da súa capacidade, unha porcentaxe inferior á media histórica rexistrada para esta mesma data. Esta situación enmárcase nun contexto de escaseza de auga que afecta tamén a outras zonas de Galicia. En total, 123 concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas pola escaseza conxuntural de auga, dos cales 59 se atopan en situación de alerta ou contan con medidas equivalentes.

Ante esta situación, e despois de que en xullo se adoptasen xa as primeiras medidas de prealerta, a Mancomunidade acordou crear un grupo de coordinación técnica no que estarán representados os sete concellos co obxectivo de coordinar as actuacións e dar unha resposta conxunta á situación actual.

ACTUACIÓNS REALIZADAS

A caída das reservas é proporcionalmente moito maior que o déficit de precipitación acumulada. Ata a data realizáronse unha serie de actuacións para mellorar a situación pola que estamos atravesando como o reforzo de procesos de tratamento en Catabois; a instalación de medidas de caudais e volumes; a substitución de máis de 8.000 contadores entre 2024 e 2026; o reforzo da unidade de detección de fugas coa reparación de máis de 200 fugas ata o de agora e medidas municipais de aforro en Ferrol dende o pasado mes de xullo.

MEDIDAS PREVISTAS

Ante a situación actual, a Mancomunidade implementará un plan de medidas de aforro de auga para facer fronte á seca. A primeira delas será a aplicación inmediata de restricións nos usos non prioritarios da auga. Así, quedarán prohibidos o rego de xardíns, o baldeo de rúas, o enchido de piscinas, o funcionamento de fontes ornamentais, a limpeza de vehículos, así como os traballos de limpeza en espazos exteriores.

A segunda medida centrarase na regulación da presión da rede con control técnico. A Mancomunidade contempla, inicialmente, reducir a presión a domicilios e empresas entre as 22.00 e as 7.00 horas, como medida para limitar o consumo de auga.

E a terceira medida, repararase a tubaxe de As Pías. Neste caso, a Mancomunidade agarda contar tamén co apoio económico da Deputación da Coruña, que se sumaría ao compromiso de financiamento adquirido por Augas de Galicia, co obxectivo de acometer a reparación coa maior celeridade posible.

A Mancomunidade traslada que a retirada destas medidas se realizará unha vez que se comprobe e asegure o cambio na situación do encoro.

Lea también

Ortigueira celebra la IV Feria Agroalimentaria y XXXVI Feria de la Miel de Ortegal

La programación incluirá siete sorteos de cestas de productos locales, sesiones de showcooking, degustaciones de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.