
Unha representación do BNG visitou a CIG para coñecer a planificación da xornada de folga do día 11 na comarca de Ferrol, trasladar o seu apoio a esta xornada de loita tan importante previa á celebración das eleccións, e para comprometer a actividade do BNG no Congreso a prol do avance en dereitos para toda a cidadanía desde a realidade galega.
O candidato ao Congreso Manuel Polo manifestaba que “somos un pobo loitador, que ven manifestándose repetidamente pola sanidade, polo ensino público, contra Altri e a explotación dos nosos recursos, polas pensións, polos convenios…. e o día 11 estamos chamados a parar, paralizar toda a actividade e dicir ben alto que queremos avanzar”
O candidato ao Congreso nas vindeiras eleccións, Manuel Polo, acudiu á reunión acompañado pola responsábel comarcal, Pilar Lozano, e o deputado no Parlamento e Galego e futuro candidato á alcaldía de Ferrol, Mon Fernández.
O candidato nacionalista facía fincapé nas características especiais desta xornada de folga ás portas dunhas eleccións xerais que están a vivirse como un todo ou nada, “a folga ten que ser a expresión dunha Galiza que quere gañar e avanzar en dereitos, coa vivenda no foco principal, mais tamén en todo o que a vivenda significa, a posibilidade de ter un proxecto de vida digno, con salarios, pensións, servizos públicos….”
Segundo os portavoces do BNG Galiza vai ser fundamental nas vindeiras eleccións para evitar un goberno do PP+VOX que xa ven anunciando recortes e sacrificios, e o BNG chega a este proceso nunha tendencia alcista que sempre supera todas as enquisas, “se o BNG iguala o resultado das últimas eleccións galegas estariamos no Congreso con 7 deputados e deputadas e a ninguén se lle oculta que iso pode ser un salto cualitativo para Galiza en moitos aspectos, AP9, Ferrocarril, investimentos industriais, prezos enerxéticos…., os galegos e galegas xogámonos moito nas vindeiras eleccións, retroceder 50 anos en dereitos ou a posibilidade poñer Galiza no centro do mapa das prioridades políticas do estado español coas nosas condicións”.
Por iso o BNG chama a participar nos diferentes actos da xornada de folga masivamente e asistir as manifestacións convocadas ese día pola CIG ás 12 da maña na Avda de Esteiro en Ferrol e na praza do concello nas Pontes. Tamén na manifestación que sairá as 18 horas da praza Amada García da Plataforma Vivenda Xa!.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.