Narón organiza unha nova edición do curso de defensa persoal para mulleres

A actividade terá lugar os días 20 e 21 de novembro e está aberta a mulleres e nenas desde os 12 anos empadroadas no municipio.
 
A edil de Igualdade, María Lorenzo, presentou unha nova edición do obradoiro de defensa persoal para mulleres que o Concello de Narón organiza dentro do III Plan de Igualdade e que se desenvolverá os días 20 e 21 de novembro.
 
A formación suma seis horas presenciais e reparte as sesións entre o Centro Cívico Social do Alto e o Pavillón da Casa da Mocidade.
 
A primeira sesión será o venres 20, de 16:00 a 19:00 horas, no Centro Cívico Social do Alto. A segunda, o sábado 21, de 10:00 a 13:00 horas, no Pavillón da Casa da Mocidade. O obradoiro está dirixido a mulleres e nenas a partir de 12 anos empadroadas en Narón.
 
As menores de idade terán que acudir acompañadas dunha muller adulta. As prazas son limitadas e a inscrición pode facerse ata o 17 de novembro, de 8:00 a 14:00 horas, chamando ao teléfono 633 497 990.
 
A formación estará a cargo de Jose Rodríguez, instrutor policial e experto en defensa persoal feminina, e de Yésica Bouza, doutora en Psicoloxía.
 
A proposta non se limita á parte física xa que, ademais de traballar técnicas para se soltar dun agarre, protexerse ou manter a distancia, o obradoiro aborda como actuar antes, durante e despois dunha agresión e como xestionar o medo, un aspecto que corre a cargo da profesional de Psicoloxía. O programa ordénase en tres bloques: prevención, actuación e resolución.
 
O primeiro céntrase en detectar e evitar as situacións de risco, o segundo en que facer se o conflito xa se produciu e o terceiro nas consecuencias posteriores, entre elas as legais, e na importancia de comunicalo e denunciar. “Este obradoiro dálles ás mulleres e ás nenas de Narón ferramentas prácticas para sentirse máis seguras, pero tamén con máis confianza nunha mesma. Convidamos a todas as que queiran participar a que se apunten canto antes, porque as prazas son limitadas”, afirmou Lorenzo.
 
O Concello lembra que o Servizo Sociocomunitario municipal ofrece información e asesoramento xurídico e social en materia de violencia de xénero, de maneira gratuíta e confidencial e, con carácter xeral, con cita previa. O teléfono 016 atende as vítimas de violencia de xénero as 24 horas.

Lea también

“As nosas tradicións” volve ás escolas infantís de Narón co outono como primeira parada

A iniciativa da concellaría de Política Lingüística achega a unhas cen familias información, curiosidades e …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.