Cineclube Serie B e a Escola de Benestar de Narón levan a saúde mental aos Mércores de Cine

O novo ciclo achega ao Pazo da Cultura películas sobre a soidade, os coidados, a identidade e a presión das expectativas, e abre o debate co público ao remate de cada sesión.

Os Mércores de Cine do Pazo da Cultura de Narón dedican o mes de novembro á saúde mental cun ciclo de catro películas que se proxectarán ás 20:00 horas, con entrada de balde. Ao remate de cada proxección haberá un breve coloquio co público. A programación é froito da colaboración entre o Cineclube Serie B Cidade de Narón e a Escola de Benestar municipal.

O ciclo foi presentado pola alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e polo director do Cineclube Serie B Cidade de Narón, Alberto Pena. Lorenzo explicou que “o cine ten unha capacidade especial para achegarnos a realidades que a veces custa nomear. Falar de saúde mental sen tabús é tamén coidarnos como comunidade, e estas películas permiten abrir esa conversa de forma moi natural”.

A primeira cita será o 4 de novembro con “El peor vecino del mundo” (2022), de Marc Forster.

Protagonizada por Tom Hanks, a película segue a un viúvo xubilado e de moi mal xenio que ve como a súa rutina cambia coa chegada dunha nova familia ao barrio. O filme serve de punto de partida para falar do loito, da soidade e da importancia dos vínculos sociais para a saúde mental.

De xeito excepcional debido á convocatoria de folga xeral, a sesión programada para o mércores 11 pasa ao xoves 12 de novembro. Pensada para o público novo, ese día proxectarase “María (y los demás)” (2016), de Nely Reguera, ópera prima da directora con Bárbara Lennie no papel principal.

A película retrata o impacto emocional dos coidados familiares, a presión das expectativas e as dificultades para construír un proxecto de vida propio.

O 18 de novembro será a quenda de “20.000 especies de abejas” (2023), de Estíbaliz Urresola. A película, que lle valeu a Sofía Otero o Oso de Prata á mellor interpretación na Berlinale, achégase á identidade de xénero na infancia e ao papel do apoio familiar e social no benestar emocional.

O ciclo pechará o 25 de novembro con “Pequeña Miss Sunshine” (2006), dirixida por Valerie Faris e Jonathan Dayton. Nesta comedia sobre unha familia que atravesa os Estados Unidos en furgoneta para levar a filla pequena a un concurso de beleza, o público poderá reflexionar sobre a presión por acadar o éxito, a autoestima e o papel da familia ante as dificultades emocionais.

Os Mércores de Cine son unha iniciativa do Cineclube Serie B Cidade de Narón e do Padroado da Cultura do Concello de Narón co apoio da Federación de Cineclubes de Galicia e da Xunta de Galicia.

Lea también

“As nosas tradicións” volve ás escolas infantís de Narón co outono como primeira parada

A iniciativa da concellaría de Política Lingüística achega a unhas cen familias información, curiosidades e …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.