Ferrol avanza na posta en marcha do servizo público de comedores sénior

Aprobado o documento que establece as normas de funcionamento, acceso e convivencia destes espazos, necesario para consolidar a reactivación deste servizo público.

Foto arquivo

O Concello de Ferrol continúa avanzando na recuperación e posta en marcha do servizo público de comedores sénior coa aprobación do Regulamento de réxime interno do servizo. Este documento establece o marco xurídico e organizativo necesario para regular o funcionamento dos comedores, as condicións de acceso, os dereitos e deberes das persoas usuarias e as normas de convivencia.

Trátase dun servizo fundamental co que se pretende favorecer a autonomía persoal, promover hábitos de alimentación saudables e reforzar a socialización e o benestar das persoas maiores da cidade.

A aprobación deste regulamento supón un paso fundamental para consolidar a reactivación dun servizo que quedara interrompido no pasado mandato. Neste momento, só está reaberto o comedor de Río Xubia e tras esta aprobación se poderá licitar o resto.

GARANTIR O BO FUNCIONAMENTO DO SERVIZO

O regulamento estrutúrase en oito capítulos que abordan os principais aspectos relacionados coa organización e prestación do servizo. Entre outras cuestións, define os comedores sénior como un servizo público local de carácter asistencial e preventivo, destinado a ofrecer o xantar a persoas maiores de 65 anos mediante un sistema de cátering.

Ademais, establece as condicións de acceso e permanencia, os dereitos e obrigas das persoas usuarias, o réxime de pagamento e as normas de funcionamento diario. Así, fixa o horario de prestación de luns a venres, entre as 13:00 e as 15:00 horas, cun límite de acceso ás 13:30 horas.

Tamén regula o funcionamento do servizo de comedor, que contará cun menú único, agás nos casos nos que exista prescrición médica que xustifique unha madaptación.

O texto incorpora un réxime sancionador que clasifica as infraccións en leves, graves e moi graves, en función da natureza e gravidade das condutas. Entre elas figuran as faltas de respecto, os altercados, os incumprimentos das obrigas de pagamento e as agresións.

Outro dos aspectos destacados é a regulación do prezo público, que combina o financiamento municipal con achegas das persoas usuarias mediante un sistema de copagamento progresivo.

A elaboración do regulamento incluíu o trámite de consulta pública previa, no que se deu a oportunidade á cidadanía e ás entidades interesadas de formular opinións, achegas ou suxestión. Unha vez rematado o prazo establecido, non se rexistraron propostas nin observacións.

Lea también

Ferrol detina más de 290.000€ a las mejoras de las calles Lepanto y Padre Feijóo

La actuación permitirá renovar el pavimento, mejorar la seguridad vial y optimizar la circulación y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.