O Goberno Local aproba a contratación das obras no tramo Cariño-Confurco e na estrada de acceso a Punta Penencia, actuacións destinadas a mellorar o firme e a seguridade viaria no rural.
O Concello de Ferrol continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias do rural cun investimento de preto de 260.000 euros para o aglomerado e a pavimentación de varios camiños en San Cristovo e en Doniños.
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do aglomerado de tramo da estrada San Cristovo Cariño, tramo Cariño-Confurco dentro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ADICIONAL 2/2025, e o aglomerado en estrada a Punta Penencia, incluída no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal- Plan Único de Concello (POS+) 2026.
Así, o aglomerado do tramo Cariño-Confurco conta cun orzamento de 137.925,63 euros e un prazo de execución dun mes.
O proxecto contempla unha actuación sobre unha superficie de 5.400 metros cadrados, que presenta un avanzado estado de deterioración. A súa reparación permitirá mellorar a seguridade e responder ás reiteradas peticións dos veciños e usuarios.
No relativo ao aglomerado da estrada de Punta Penencia, a actuación abrangue unha superficie de 5.250 metros cadrados, cun investimento de 121.157,94 euros e un prazo de execución de catro meses. Os traballos permitirán mellorar a superficie de rodadura, reducir as necesidades de reparacións continuas e incrementar a seguridade dos usuarios dunha vía cun tráfico medio estimado de arredor de 50 turismos diarios, ademais do paso ocasional de pequenos camións.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.