A Deputación da Coruña achega 100.000 euros para apoiar a labor do Banco de Alimentos

A entidade distribuíu en 2025 preto de 1,7 millóns de quilos de alimentos entre máis de 25.000 persoas a través de 144 entidades sociais colaboradoras.

Valentín González Formoso e o presidente do Banco de Alimentos da provincia da Coruña, Manuel Mora, asinaron hoxe o convenio de colaboración na sede da institución provincial

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente do Banco de Alimentos da provincia, Manuel María Mora, asinaron hoxe, na sede da institución provincial, un convenio de colaboración polo que a Deputación achega 100.000 euros para apoiar o labor que desenvolve esta entidade na atención ás persoas e familias en situación de vulnerabilidade económica e social. No acto participou tamén a deputada de Política Social, Mar García Vidal.

O acordo permitirá financiar a adquisición de alimentos de primeira necesidade e os gastos de contratación de persoal necesarios para o funcionamento da entidade, que desenvolve a súa actividade en toda a provincia a través de catro almacéns situados na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

A achega da Deputación representa o 71 % do orzamento total do proxecto, que ascende a 140.690 euros. Desta cantidade, 78.590 euros destinaranse á compra de alimentos, mentres que os 62.100 euros restantes permitirán sufragar gastos de persoal, contribuíndo a garantir a continuidade dos servizos de coordinación, administración e transporte de alimentos.

González Formoso destacou a importancia do traballo que desenvolve o Banco de Alimentos para dar resposta ás necesidades básicas de miles de familias da provincia e puxo en valor a colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais para combater a pobreza e a exclusión social.

O presidente provincial salientou tamén “o papel fundamental do voluntariado” e da rede de entidades colaboradoras, que permiten que os alimentos cheguen ás persoas que máis os necesitan.

Máis de 25.000 persoas beneficiarias en toda a provincia

Durante o ano 2025, o Banco de Alimentos Rías Altas distribuíu 1.679.614 quilos de alimentos a través de 144 entidades sociais colaboradoras, chegando a 25.181 persoas beneficiarias en toda a provincia da Coruña.

A entidade dispón de catro almacéns de distribución. Na área da Coruña, onde conta con dúas instalacións, distribuíu 1.160.739 quilos de alimentos a través de 73 entidades colaboradoras, atendendo a 19.379 persoas.

Na área de Ferrol, o Banco de Alimentos repartiu 285.336 quilos de produtos alimentarios mediante 18 entidades sociais, chegando a 1.416 persoas beneficiarias.

Pola súa banda, desde o almacén de Santiago de Compostela distribuíronse 233.539 quilos de alimentos a través de 54 entidades colaboradoras, que prestaron atención a 4.386 persoas.

Entre as organizacións que participan nesta rede atópanse comedores sociais, entidades benéficas, asociacións, centros asistenciais, parroquias e outras institucións que traballan directamente con persoas en situación de dificultade económica.

Apoio ao funcionamento da entidade e ao voluntariado

O convenio contribuirá tamén a manter a estrutura de persoal necesaria para coordinar o funcionamento dos almacéns e a distribución dos alimentos.

En concreto, o proxecto contempla a continuidade dunha coordinadora encargada da xestión administrativa e da supervisión das instalacións, a contratación dunha auxiliar administrativa para o almacén de Santiago e o mantemento dun posto de condutor responsable do transporte de alimentos entre os distintos centros e da recollida de produtos procedentes de campañas solidarias.

Este persoal complementa o traballo dos arredor de 80 voluntarios fixos cos que conta a entidade, aos que se suman centos de persoas que participan de maneira puntual nas campañas de recollida de alimentos e noutras iniciativas solidarias.

Fundado en 2010 e declarado entidade de utilidade pública en 2014, o Banco de Alimentos desenvolve unha importante actividade social centrada na recuperación e distribución gratuíta de excedentes alimentarios, contribuíndo tanto á loita contra a pobreza como á redución do desperdicio de alimentos.

Lea también

O Talentiño organiza un festival solidario en Canido para apoyar la lucha contra el cáncer

El Centro Cívico de Canido (Ferrol) acogerá el domingo 8 de noviembre una tarde de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.