Os concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal unen forzas ante a situación do transporte

A Casa do Concello de Pontedeume acolleu esta semana unha reunión de traballo na que participaron os gobernos locais de Fene, A Capela, Narón, Monfero, Neda, Valdoviño e o municipio anfitrión co obxectivo de analizar a situación actual do transporte público por estrada e as graves dificultades que está a provocar no día a día da cidadanía.

Representantes dos concellos participantes coincidiron en que «a situación alcanzou un punto límite e require unha resposta inmediata e coordinada da Xunta de Galicia».

As incidencias, limitacións e deficiencias do servizo están a afectar directamente aos desprazamentos do estudantado, persoas traballadoras e usuarias do transporte público, polo que consideran necesario pasar da análise dos problemas á adopción de medidas concretas.

Neste sentido, os concellos acordaron «solicitar conxuntamente a convocatoria da Mesa da Comisión de Seguimento da licitación do transporte», co obxectivo de abordar a situación actual, coñecer as explicacións da Administración e reclamar solucións ás deficiencias que se están a producir.

Esta petición será tamén trasladada aos concellos destas comarcas que non puideron participar na xuntanza, co propósito de que se incorporen á iniciativa e refrenden unha posición municipal común.

Do mesmo xeito, acordouse solicitar unha reunión comarcal coa Dirección Xeral de Mobilidade na que estean representados os municipios das comarcas afectadas. Os concellos consideran imprescindible que a Xunta escoite directamente aos territorios e dea resposta ás necesidades reais dunha poboación que depende diariamente dun transporte público que, neste momento, «non está a ofrecer as garantías necesarias».

Traballo conxunto coa sociedade civil

Os acordos adoptados serán trasladados tamén á Plataforma por un Transporte Digno de Ferrolterra e ao Foro Cidadán polo Ferrocarril de Ferrol, Eume e Ortegal, co obxectivo de compartir a análise realizada e avanzar nunha resposta coordinada coa sociedade civil e cos colectivos que veñen reclamando melloras no sistema de transporte e mobilidade da comarca nos últimos anos.

Neste sentido, os concellos consideran necesario «implicar tamén aos colectivos directamente afectados». Por este motivo, iniciarán contactos cos sindicatos obreiros e coa representación estudantil dos campus universitarios, dos centros de ensino secundario e da Formación Profesional para realizar unha análise conxunta da situación e das súas consecuencias.

Neste marco, non descartan «ningunha vía de mobilización» e acordaron comezar a valorar, xunto cos colectivos sociais e educativos, así coma coas plataformas citadas anteriormente, a posible convocatoria dunha folga comarcal polo transporte.

A reunión celebrada en Pontedeume supón así «un primeiro paso para construír unha resposta comarcal, unitaria e firme» ante unha problemática que transcende os límites de cada municipio.

Os concellos participantes consideran que «o transporte público é un servizo esencial» e que a cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal ten dereito a contar cun sistema de mobilidade «digno, eficaz e adaptado ás necesidades do territorio».

Apelan ao resto de concellos das comarcas afectadas para que se incorporen a esta iniciativa e «sumen a súa voz a unha reivindicación que debe ser colectiva», ante unha situación que está a ter consecuencias directas na mobilidade e na vida cotiá da cidadanía.

Lea también

Valdoviño reedita o programa de visitas escolares á lagoa da Frouxeira da man da Sociedade Galega de Historia Natural

O proxecto está aberto aos centros educativos de toda Galicia. Iniciado o novo curso, o …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *