«Memorias dun neno labrego» abre en Narón unha nova edición da MOTIX

Cunha programación para máis de trinta centros de ensino ata o 2 de decembro, esta edición inclúe dúas estreas absolutas de compañías galegas e incorpora funcións con intérprete de lingua de signos.
 
 
A Mostra de Teatro para a Infancia e a Xuventude de Narón (MOTIX) abre este mércores 7 de outubro, a súa 42ª edición con “Memorias dun neno labrego”, a adaptación teatral da novela de Xosé Neira Vilas que producen Contraproducións e o Centro Dramático Galego, con texto e dirección de Cándido Pazó.
 
As funcións, dirixidas ao alumnado de bacharelato e ciclos formativos, serán os días 7, 8 e 9 de outubro. A obra conecta a memoria rural, a infancia como suxeito histórico e a experiencia da emigración e da pobreza, e recupera un clásico da literatura galega para as xeracións novas desde a linguaxe teatral contemporánea.
 
Despois chegará “Sueño”, da compañía arxentina Criolla, os días 22 e 23 de outubro, para 6º de primaria e ESO.
 
Entre o 25 e o 27 de outubro será a quenda de Redrum Teatro con “Os contos do Lobicán”, un espectáculo de monicreques musical e en verso, co texto de Eva Mejuto, premiado cos María Casares.
 
A programación continúa en novembro con “Formas”, de Caramuxo Teatro, para bebés de 0 a 3 anos, os días 16, 17 e 18, e pecha o 30 de novembro e o 1 e o 2 de decembro con “Panxea”, de Ghazafelhos, para alumnado de 2º a 5º de primaria. Estes dous últimos títulos son estreas absolutas de compañías galegas desta edición.
 
Máis de trinta centros de ensino de Narón e da contorna participan nunha mostra que mantén as funcións en horario lectivo e abre tamén sesións familiares.
 
 
A MOTIX naceu en 1984 como Mostra de Teatro Infantil Galego «Xeración Nós» e leva máis de catro décadas sen interrupción. Reúne de media ao redor de 8.000 espectadores, programa un 90% en galego e foi pioneira na programación estable para a primeira infancia. Esta edición inclúe funcións con intérprete de lingua de signos e dous cursos de formación para profesionais, a cargo de Cándido Pazó (dirección escénica) e Emi Candal (distribución).
 
A mostra arranca unha semana despois das Xornadas Escena Galega, celebradas o 29 de setembro no Pazo da Cultura. Nelas, a presidenta da asociación, Eva Alonso, lembrou que en Galicia non existe un circuíto escolar galego estable e anunciou un piloto que aspira a comezar en 2027.
 
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou que «levamos 42 edicións demostrando que o teatro na escola pode ser algo estable e non unha actividade externa. Cando o sector fala de construír un circuíto escolar galego, en Narón podemos achegar a experiencia de que funciona se hai continuidade, apoio público e centros implicados.  Este ano comezamos con ‘Memorias dun neno labrego’, que lle devolve ás xeracións novas unha parte da nosa memoria».
 
A MOTIX está organizada polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, coa colaboración da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Lea también

Cedeira reafirma o seu éxito de modelo turístico cuns 70.000 visitantes en Santo André de Teixido

A aposta polo turismo activo, da man de empresas locais, confírmase un verán máis para …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *