Cuarta entrega do ciclo de cinema documental do Concello de Neda. Este venres día 9 proxéctase na Casa da Cultura “Crónicas dun NON!”, un documental que recupera a historia do movemento de insubmisión en Galicia e a loita colectiva que contribuíu á desaparición da “mili”.
A proposta chega á vila da man do Outono das Artes da Deputación da Coruña.
O documental, que se poderá ver a partir das 20:30 horas, está baseado na experiencia persoal do seu director, Fernando Rodríguez Gómez «Peñaño», detido no ano 1989 pola súa negativa a incorporarse ao Servizo militar Obrigatorio, permaneceu en prisión preventiva, foi xulgado e condenado a un ano de cárcere.
O audiovisual repasa máis dunha década de desobediencia civil e de defensa de dereitos e liberdades, que acabou coa profesionalización total das Forzas Armadas e o fin definitivo do servizo militar hai 25 anos.
Producido por Taller de Insomnios e Serea Films, “Crónicas dun NON!” recolle nos seus 70 minutos testemuños de persoas que participaron en Galicia na mobilización, e propón unha reflexión sobre o valor da participación cidadá e a capacidade da acción colectiva para impulsar cambios sociais e políticos.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.