Neda insta a Augas de Galicia a investir no saneamento local

O Concello subliña a responsabilidade da entidade pública nos actuais vertidos da EDAR ao deixar a medias a mellora da depuradora, O goberno local espera respostas dende hai case ano e medio ao Plan director de saneamento remitido á Xunta para avanzar solucións.

O Concello de Neda insta a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia a acabar coa “discriminación que sofre dende hai anos a veciñanza de Neda”, e incluír nos orzamentos do 2027 partidas para avanzar no saneamento da localidade, como fixo co resto dos municipios da ría.

A moción do PSOE, apoiada por BNG e Moveneda, incide en que a empresa pública ten responsabilidade directa na actual situación de vertidos á ría, ao deixar sen completar a ampliación e mellora da EDAR que contratou hai máis dunha década, impedindo o correcto funcionamento da depuradora, e esixe o fin dos expedientes sancionadores por vertidos que, precisamente, son resultado desas deficiencias.  O PP, partido que, cando gobernaba, decidiu que Neda quedara fóra do Plan integral saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol, abstívose.

O pleno ordinario debatía este mediodía en sesión ordinaria unha moción sobre o saneamento municipal. Un texto que debulla as xestións realizadas polo Concello para reverter a situación actual e sentar as bases dunha colaboración con Augas de Galicia para acabar cos vertidos á ría, orixinados en gran parte, segundo recoñecía o seu director en sede parlamentaria pola «deficiencia da depuradora e os alivios frecuentes».

O motivo, segundo o texto aprobado, é que Augas de Galicia segue sen completar o proxecto de ampliación e mellora da depuradora que contratou no 2014, e retomou no 2020, tras a quebra da firma adxudicataria. Consecuentemente, as obras, con “graves deficiencias que impiden o correcto funcionamento”, segundo informe de Viaqua, seguen sen ser recepcionadas polo Concello.

Un período no que, a pesar de ter “unha responsabilidade directa”, a entidade pública empresarial abriu unha batería de expedientes sancionadores a Neda por vertidos. Con todo, na procura de solucións, o Concello impulsou neste mandato o Plan director de saneamento acordado coa Xunta.

O documento descarta a viabilidade a estas alturas de continuar coa actual EDAR e contempla, segundo a alternativa elixida, investimentos estimados de entre 20 e 24 millóns de euros. Unha contía que obviamente é imposible de asumir con recursos propios para un Concello cun orzamento total de 5,5 millóns.

“A piques de cumprirse ano e medio dende a remisión do Plan Director, non se tivo noticia algunha de Augas de Galicia” ao respecto. O Concello, coa maioría absoluta de PSOE, BNG e Moveneda, e a abstención do PP, insta a Augas de Galicia e á Xunta a incorporar nos orzamentos para 2027 unha partida significativa para comezar “no prazo máis curto posible” a “conexión do saneamento de Neda ao sistema da marxe dereita da ría de Ferrol, salvo criterio técnico fundamentado contrario”.

Reclámase ademais o “cese inmediato” dos expedientes sancionadores ao Concello derivados da inacción de Augas de Galicia. O Concello comprometeuse, a proposta de Moveneda e BNG, a incorporar explicitamente unha partida no próximo orzamento para melloras no saneamento, intervencións que, segundo se apuntou, xa se veñen realizando.

Lea también

Cedeira reafirma o seu éxito de modelo turístico cuns 70.000 visitantes en Santo André de Teixido

A aposta polo turismo activo, da man de empresas locais, confírmase un verán máis para …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *