O congreso, que reuniu máis de 56 persoas os días 2 e 3 no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, conmemora os 90 anos da chegada de Álvaro Cunqueiro a Ortigueira, en outubro de 1936, e afonda nun período breve pero especialmente significativo da súa vida e da súa traxectoria intelectual.

A deputada de Cultura, Natividade González, participou este sábado no acto de clausura do Congreso «Álvaro Cunqueiro en Ortigueira en 1936», organizado pola Asociación Cultural Terras do Ortegal no Teatro de Beneficencia de Ortigueira co apoio da área de cultura da Deputación. O encontro, que reuniu máis de 50 persoas e se desenvolveu durante a tarde do venres e a mañá do sábado, conmemora os 90 anos da chegada de Álvaro Cunqueiro a Ortigueira, en outubro de 1936, e afonda nun período breve pero especialmente significativo da súa vida e da súa traxectoria intelectual. O escritor mindoniense residiu na capital do Ortegal ata maio de 1937, nunha etapa na que experimentou importantes transformacións persoais e políticas e na que iniciou a súa dedicación profesional ao xornalismo.
Ao longo das dúas xornadas participaron destacados especialistas procedentes dos ámbitos da universidade, da investigación histórica e da literatura galega, entre eles Claudio Rodríguez Fer, Carlos Breixo Rodríguez, Jesús Blázquez González, Armando Requeixo, José Martinho Montero Santalha e María Camiño Noia, así como a escritora Medos Romero, Premio da Crítica de poesía galega en 2022.
Durante a clausura, a deputada destacou a importancia de analizar a figura de Cunqueiro tendo en conta o contexto histórico e territorial no que desenvolveu a súa vida e a súa obra. «Non viñemos simplemente falar dunha das grandes figuras da literatura galega. Viñemos mirar con atención un momento moi concreto da súa vida: a súa chegada a Ortigueira hai agora noventa anos e aqueles meses, entre outubro de 1936 e maio de 1937, que coinciden ademais cun dos períodos máis duros e complexos da nosa historia», sinalou. Neste sentido, puxo en valor que o congreso se celebre precisamente en Ortigueira, ao considerar que «coñecer os grandes nomes da nosa cultura tamén implica coñecer os lugares concretos, os momentos históricos e as circunstancias persoais que marcaron as súas traxectorias».
«Investigar todo iso tamén forma parte da cultura», afirmou Natividade González, quen defendeu a necesidade de abordar a figura do escritor «con rigor» e desde unha perspectiva contextualizada. A deputada subliñou que Cunqueiro foi «un escritor extraordinario, fundamental para entender a literatura galega do século XX», pero tamén «un home inserido no seu tempo, cunha traxectoria vital, xornalística e política que debe ser estudada e contextualizada».

A responsable provincial de Cultura salientou tamén o traballo desenvolvido pola Asociación Cultural Terras do Ortegal e o seu compromiso coa investigación e coa divulgación da historia cultural da comarca. «Detrás dun congreso coma este hai investigación, documentación, organización e, sobre todo, un compromiso moi importante coa memoria e coa cultura deste territorio», destacou.
Natividade González reivindicou, ademais, o papel das institucións públicas no apoio a iniciativas culturais desenvolvidas desde o territorio. «Desde a Deputación da Coruña entendemos que apoiar este tipo de iniciativas é tamén unha maneira de facer política cultural: contribuír a que o coñecemento non quede unicamente nas universidades ou nos grandes centros culturais, senón que chegue aos lugares onde a historia aconteceu e á cidadanía que habita eses territorios», explicou.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.