As entidades de Narón teñen ata o 26 de outubro para pedir as subvencións municipais

Poden solicitar a axuda a partir deste luns 5 de outubro a través da sede electrónica do Concello.

O Concello de Narón, a través da Concellería de Participación Cidadá, pon en marcha unha nova convocatoria de
subvencións para as asociacións e demais entidades sen ánimo de lucro do municipio. As bases foron aprobadas polo Pleno do Concello e publicadas no Boletín Oficial da Provincia.

A liña de axudas ten unha dotación máxima de 33.277,76 euros e vai dirixida a proxectos e actividades realizados durante o exercicio 2025 que promovan e dinamicen a participación da veciñanza no tecido asociativo. A convocatoria abrangue trece áreas, desde a igualdade ou a atención ás persoas maiores ata o medio ambiente ou a mocidade, e cada entidade poderá recibir unha axuda de ata 3.000 euros. Ao ser un importe reducido, a subvención abonarase por adiantado e sen necesidade de constituír garantía.

Poderán solicitala as asociacións e institucións de carácter social que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás, cos datos ao día, e que teñan xustificadas as axudas recibidas do Concello en anos anteriores. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal, e o prazo, de 15 días hábiles, abre este luns día 5 ata o 26 de outubro, ambos incluídos.

A concesión farase en concorrencia competitiva. Entre outros criterios, valorarase o interese xeral da actividade para o municipio, o seu carácter innovador, a continuidade no tempo e o uso do galego, e puntuarase tamén a presenza de mulleres nos órganos directivos das entidades.

As bases completas poden consultarse no BOP, na páxina web e no taboleiro de edictos do Concello e no Servizo Sociocomunitario, o departamento encargado de tramitar a convocatoria.

Lea también

Narón adxudica tres obras no pavillón das Lagoas por máis de 77.000 euros

Á reparación da cuberta e da drenaxe exterior súmanse a ampliación do graderío superior, a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *