O enfermeiro de 23 anos será o referente da organización na candidatura unitaria, co compromiso de reforzar o traballo de Jorge Suárez e Nerea Purriños.

Movemento Sumar Galicia presentou este venres a Antón García Tenreiro como o seu candidato ás eleccións municipais de 2027 en Ferrol no Centro Cívico de Canido,, dentro do proceso de construción da candidatura unitaria arredor de Ferrol en Común. O secretario xeral da organización, Paulo López, situou esta elección como unha aposta pola incorporación da mocidade á política e polo fortalecemento dun proxecto compartido para recuperar o goberno municipal para a esquerda.
«Escollemos a Antón para reforzar Ferrol en Común. Para reforzar a Jorge e a Nerea. Para achegar máis xente e máis forza ao proxecto compartido«, afirmou López, quen recoñeceu o traballo dos dous concelleiros e a súa constancia na defensa dunha alternativa de esquerdas para a cidade.
Antón García Tenreiro, enfermeiro de 23 anos, representará Movemento Sumar Galicia nese proceso colectivo. López destacou o valor de que un mozo dedicado profesionalmente aos coidados asuma tamén unha responsabilidade política coa súa cidade. «Queremos máis Antóns! Queremos máis mozas e mozos que dean o paso», proclamou, reivindicando que a mocidade debe contar con voz propia e capacidade de decisión nas organizacións e nas institucións.
O secretario xeral defendeu que esta renovación debe traducirse en políticas que permitan á xente nova desenvolver o seu proxecto de vida en Ferrol: acceder a un emprego digno, emanciparse e dispoñer de servizos públicos de calidade. «Queremos que quen estuda aquí poida traballar aquí. Que quen marcha poida volver. Que quedar sexa unha opción real, con dereitos e cun proxecto de vida», sinalou.

Durante a intervención, López destacou a proposta de unidade impulsada por Movemento Sumar Ferrol e Ferrol en Común xunto coas demais organizacións do espazo. «É unha honra formar parte desta candidatura de todas as esquerdas», afirmou, recoñecendo o camiño compartido con Esquerda Unida, Anova, Podemos e persoas sen adscrición partidaria. A organización comprometeu «respecto, traballo e lealdade» cun proceso no que a candidatura e o programa deberán construírse colectivamente e coa participación da sociedade civil.
A vivenda ocupou un lugar central no discurso. López reclamou ampliar o parque público de alugueiro, rehabilitar edificios e recuperar os barrios contando coa veciñanza. En relación coa votación dos dous decretos de vivenda no Congreso, López reivindicou o impulso de Sumar para sacar adiante as medidas e criticou o voto contrario de PP, Vox e Junts. «As tres dereitas, xuntas para impedir que avancemos no dereito á vivenda«, denunciou. Así mesmo, reafirmou o compromiso coa prórroga dos contratos, a conxelación dos alugueiros, a protección fronte aos desafiuzamentos e os límites á especulación: «Tumbaron dous decretos, pero a necesidade de ter unha casa segue aí».
«A nosa ambición é que Ferrol en Común medre e que a esquerda recupere o goberno de Ferrol«, concluíu.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.