A Comisaría Local de Ferrol-Narón celebrou este venres en Narón o Día da Policía Nacional

No acto institucional da Comisaría Local de Ferrol-Narón se impuxeron once condecoracións ao Mérito Policial.
 
 
A Comisaría Local de Ferrol-Narón celebrou este venres o Día da Policía Nacional, a festividade dos Santos Anxos Custodios, patróns do corpo. A xornada comezou no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, cunha eucaristía oficiada polo bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, e continuou no Pazo da Cultura de Narón co acto institucional.
 
A xornada comezou no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, cunha eucaristía oficiada polo bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol.
 
Presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, a cerimonia contou coa presenza da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e a subdelegada da Xunta, Martina Aneiros, xunto a outros representantes das administracións, da xustiza, das Forzas Armadas e da Igrexa. 
 
Abriu o acto a comisaria xefa, Cristina Ochoa Nalda, e soaron os himnos de España e de Galicia, interpretado este en gaita polo policía David Fernández.
 
Abriu o acto a comisaria xefa, Cristina Ochoa Nalda
 
Durante a súa intervención, a comisaria xefe avisou de que o corpo afronta «importantes retos» e lembrou que Galicia é actualmente unha das comunidades autónomas máis seguras de España, segundo os datos do Ministerio do Interior. «Desde a nosa comisaría de Ferrol-Narón contribuímos diariamente a manter eses niveis de seguridade grazas ao traballo dos 225 homes e mulleres que integran o noso cadro de persoal e que traballan sen descanso para manter e mellorar as boas cifras que nos acompañan», afirmou.
 
Ferreiro-no centro- xunto a comisaria xefe.
Pola súa banda, Ferreiro quixo trasladar o agradecemento do Concello de Narón a todas as persoas que forman parte do corpo. «Detrás de cada uniforme hai unha persoa que ten unha familia, preocupacións, medos, ilusións, pero que cada día sae á rúa coa responsabilidade de protexer aos demais», afirmou. A alcaldesa engadiu que o labor policial inclúe «moitas horas de traballo que non sempre vemos, pero que fan que sintamos seguridade».
 
A rexedora puxo tamén en valor a coordinación entre as policías locais de Narón e Ferrol: «Cando os diferentes corpos traballan xuntos, quen máis se beneficia é a cidadanía». Nesa liña, subliñou que «a seguridade e a convivencia non se constrúen unicamente en momentos excepcionais, constrúense cada día, con responsabilidade e, sobre todo, con vocación de servizo».
 
Marián Ferreiro rematou a súa intervención felicitando a Policía Nacional no seu día e agradecendo, en nome do Concello e da veciñanza de Narón, «a súa entrega e profesionalidade» e o feito de estar «sempre ao servizo da cidadanía». Durante o acto solemne impuxéronse once condecoracións da Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco. A rexedora de Narón entregou a distinción ao subinspector José Luis Díaz Prado e ao policía Marcos Fernández Costoya.

Recibiron tamén recoñecemento o inspector Álvaro Manuel Navarro Villamor; o oficial de policía José Luis Nolasco López; os policías María José Vázquez Losada, Mónica Medín Fernández, Enrique José López López, Sergio López Gunturiz, Rufino Gómez Pena e Álvaro González Rey; e o fiscal xefe da Área de Ferrol, Daniel Jove Martínez. A Comisaría fixo entrega tamén de tres metopas conmemorativas a entidades coas que colabora a Policía Nacional.

 
A primeira foi para o Centro de Menores Virxe do Carme de Ferrol, polo seu labor na atención integral dos menores con dificultades. As outras dúas recoñeceron o traballo dos dous parques de bombeiros da demarcación policial de Ferrol-Narón: o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, que recolleu o inspector xefe Adrián Fraga Dopico, e o Parque de Bombeiros de Ferrol.
 
“O éxito do voso traballo debería medirse por aquilo que non chega a ocorrer. O delito que se prevé, a vítima que recibe protección, o problema que se resolve antes de agravarse. Estes éxitos non ocupan titulares, pero teñen un enorme valor para quen se beneficia deles, a sociedade no seu conxunto”, afirmou a subdelegada do Goberno antes de finalizar o acto co himno da Policía Nacional.
 
Presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, a cerimonia contou coa presenza da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e a subdelegada da Xunta, Martina Aneiros, xunto a outros representantes das administracións, da xustiza, das Forzas Armadas e da Igrexa
 
Pola súa banda o tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera trasladou o recoñecemento e agradecemento do
Concello de Ferrol ao labor desenvolvido diariamente pola Policía Nacional,  destacando especialmente a súa colaboración cos concellos de Ferrol e Narón.
 
Díaz Mosquera puxo en valor o traballo dos axentes e a súa contribución á seguridade cidadá, así como a coordinación  existente entre os distintos corpos e servizos de emerxencias e seguridade, fundamental para garantir a protección e o benestar da cidadanía e felicitou a todos os integrantes da Policía Nacional con motivo da festividade do seu patrón.
 

Lea también

A Biblioteca Municipal de Narón enche de historias a semana do Día das Escritoras e do Día das Bibliotecas

Entre o 19 e o 24 de outubro, a biblioteca acolle unha conversa con autoras …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *