PSOE Ferrol reclama avances na investigación sobre «as deficiencias» no transporte público

O PSOE de Ferrol reclama avances na investigación sobre as deficiencias no transporte público e propón un rexistro municipal de incidencias con códigos QR nas paradas.

O concelleiro socialista Julián Reina trasladou na Comisión de Mobilidade a necesidade de dotar ao Concello dun instrumento eficaz para frear a «falta de constancia» que esgrimen de xeito habitual a administración autonómica e a empresa concesionaria.

A iniciativa socialista busca facilitar a interlocución, canalizar as reclamacións veciñais e evitar que os problemas diarios dos usuarios queden impunes por falta de rexistro oficial.

O concelleiro socialista no Concello de Ferrol Julián Reina vén de solicitar información detallada sobre os avances en relación coa investigación acerca das deficiencias rexistradas no servizo de transporte público por estrada, tomando como referencia as recentes informacións que apuntan á necesidade de esixir responsabilidades á Xunta de Galicia nesta materia.

Neste contexto, o edil socialista aproveitou a celebración da Comisión de Mobilidade para propoñer unha medida práctica e directa que dea solución a un dos principais atrancos na defensa dos dereitos dos usuarios: a indefensión ante as incidencias diarias.

Un rexistro municipal contra a política de «non constancia» . Desde o Grupo Socialista sinalouse que un dos argumentos máis recorrentes e frustrantes cada vez que se produce unha incidencia grave no servizo —xa sexa por retrasos inxustificados, supresións de liñas ou vehículos en malas condicións— é que tanto a Xunta de Galicia coma a empresa concesionaria escúsanse sistematicamente en non ter constancia oficial dos feitos.

Para erradicar esta situación, Julián Reina propuxo na comisión a creación dun rexistro municipal de incidencias. Este servizo non só facilitaría ao Concello unha interlocución moito máis sólida e fundamentada á hora de reclamar ante a administración autonómica, senón que tamén abriría unha canle directa para que a cidadanía poida denunciar de forma rápida e áxil calquera anomalía.

Accesibilidade a través de códigos QR

Como solución técnica para facer este rexistro accesible e inmediato, o edil do PSOE propuxo que a ferramenta se habilite mediante a colocación de códigos QR nas distintas marquesiñas e paradas de autobús do municipio. Deste xeito, calquera persoa usuaria que agarde o autobús podería, cun sinxelo escaneo dende o seu teléfono móbil, rexistrar calquera incidencia no momento exacto en que se produce (retrasos, masificacións ou pasaxes non efectuadas), achegando datos fundamentais como a liña, a hora e o lugar.

O PSOE de Ferrol agarda que esta proposta sexa acollida e tramitada con celeridade polo goppo de goberno local, entendendo que a defensa dun transporte público digno e de calidade para os veciños e veciñas de Ferrol debe ser unha prioridade institucional á marxe de cores políticas.

Lea también

A praza de España de Ferrol gaña novos espazos de descanso reubicando os bancos de pedra

A empresa encargada do mantemento de parques e xardíns de Ferrol levou a cabo este …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *