A Ruta BTT nocturna pecha o programa «Sansa en rodas» con case 70 ciclistas

O programa «Sansa en rodas», que organizan conxuntamente o Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta, chega este venres ao seu remate coa celebración da Ruta BTT nocturna.

BTT nocturna 2025 (César Galdo)

Unha proba non competitiva  que arrancará ás 21:00 horas no CPI San Sadurniño para completar un percorrido circular relativamente asequible que discorrerá por pistas, camiños e corredoiras de San Sadurniño, Naraío e Ferreira. Ao peche do prazo de inscrición apuntáranse na cita un total de 67 ciclistas. Con ela poráselle o ramo a un intenso calendario ciclista iniciado no mes de maio co obxectivo de promocionar o deporte das dúas rodas e, de paso, poñer en valor camiños e sendeiros tradicionais.

Máis en detalle, o trazado deseñado por Biela e Chaveta ten 19 quilómetros totais e un desnivel acumulado positivo de 432 metros, combinando distintos terreos aínda que a maior parte da ruta irá por pistas forestais. Igual que o resto de probas do calendario «Sansa en rodas», esta tampouco vai ser competitiva, xa que está concibida como un paseo que pode completar sen maior dificultade practicamente calquera persoa que teña costume de andar na bici, aínda que por razóns organizativas establecéronse os oito anos como idade mínima  para poder participar.

A ruta sairá ás 21:00 horas da parte dianteira do CPI de San Sadurniño, que tamén será o punto de remate da volta. Aínda que pode haber variacións de última hora, desde alí o pelotón baixará por Marqués de Figueroa e encamiñarase despois ao paseo fluvial e Cornide, onde comezará a conectar pistas asfaltadas e camiños de monte de Naraío e Ferreira. Todos eles forman parte do entramado de percorridos que Biela e Chaveta deseñou, acondicionou e sinalizou en colaboración co Concello, e que está dispoñible para as persoas amantes do ciclismo durante todo o ano.

Ademais da bicicleta, para participar na rolda nocturna será obrigatorio levar casco, luz dianteira e sinalización traseira. Tamén se recomenda levar o móbil con batería e rodar preferentemente en grupo, posto que a única pretensión é facer deporte dun xeito distinto e pasalo ben dándo unha volta sen présa polos montes próximos ao centro urbano. Pola metade do camiño haberá avituallamento líquido e sólido (froita, zumes, galletas e algunha cousa máis), que tamén servirá para volver pechar o acordeón de ciclistas.

Coa BTT Nocturna finalizará un intenso calendario ciclista desenvolvido nos últimos meses por Biela e Chaveta e o Concello co obxectivo de promover o deporte das dúas rodas no municipio e, ao tempo, recuperar para o lecer sendas e camiños tradicionais hoxe case esquecidos que pasan en moitos casos por lugares de grande valor paisaxístico e ambiental. 

Dentro deste calendario, bautizado como «Sansa en rodas», organizouse a finais de maio a Ruta Ciclista en Familia, a mediados de xuño tocoulle ao trail e BTT «Entre corredoiras, toxos e xestas» e, xa en agosto, á clásica cronoescalada Sanrockeira, que este ano introduciu como novidade subida a pé. Cómpre lembrar, ademais, que o club ciclista tamén levou a cabo coa colaboración do Concello de San Sadurniño e doutros municipios da volta a primeira Ruta ciclista dos Castelos, celebrada no mes de xullo. 

Actividades todas elas que, xunto coa BTT nocturna deste venres, contan con financiamento municipal a través dun convenio nominativo subscrito co club ciclista por importe de 2.000 euros.

Lea también

Caio César y Gerard Casas analizan el partido adelantado de O Parrulo Ferrol ante el Barça

Los ferrolanos querrán seguir en su buena dinámica ante los vigentes campeones ligueros. Semana muy …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *