Aprobada a convocatoria de 67 prazas de Persoal Docente e Investigador da UDC

Aprobouse o nomeamento como profesor emérito de Rafael Martín Acero.

Foto UDC

A sesión ordinaria do Consello de Goberno da Universidade da Coruña celebrada este mércores 30 contou coa presenza das novas persoas integrantes neste órgano, tras a remodelación do equipo reitoral e os cambios nalgúns departamentos. Así, ao inicio da xuntanza, o reitor da UDC, Ricardo Cao, deu a benvida a María Hernández, xerenta ; Bruno Casal, vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica; Belén Montero, directora do CITENI; Javier de Toro, director do Departamento de Medicina e Alberto Varela, director do Departamento de Enxeñaría Civil.

Nesta sesión foi aprobada a convocatoria de 67 prazas de Persoal Docente e Investigador (PDI), unha medida destinada a reforzar o cadro de persoal da institución, favorecer a promoción académica e contribuír á captación e estabilización do talento investigador.

A convocatoria, integrada na súa meirande parte na OEP correspondente ao ano 2026, inclúe 17 prazas de catedrático/a de universidade mediante promoción interna, 17 prazas de profesor/a titular de universidade e 33 prazas de persoal permanente laboral, en consonancia coa taxa de reposición permitida polas normativas estatal e autonómica en materia de persoal.

Entre as prazas previstas, cinco estarán reservadas para a incorporación de persoal investigador doutor que superase a avaliación do Programa de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora (I3), unha medida orientada a fortalecer a capacidade investigadora da institución e favorecer a consolidación de traxectorias académicas de excelencia.

Con esta convocatoria, a UDC continúa avanzando na súa estratexia de fortalecemento do persoal docente e investigador, apostando pola estabilidade, a promoción do talento interno e a excelencia académica e científica como piares fundamentais da súa actividade.

No eido de persoal, foi aprobado o nomeamento como profesor emérito de Rafael Martín Acero, catedrático na Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física e investigador no grupo ACoM (Aprendizaxe e control do
movemento humano en actividade física e deporte).

Foto UDC

Financiamento e Medicina
No seu informe, o reitor fixo análise de situación de diversos temas, entre os que destacou o inicio dos traballos para a elaboración do próximo Plan de Financiamento, que deberá estar en vigor 1 de xaneiro de 2028. Un período no
que, incidiu Cao, “as universidades debemos contar con maior financiamento estrutural”. Así mesmo, fixo referencia ao encontro que esta tarde manterá o propio reitor e máis as reitoras da USC e a UVigo, co conselleiro de Educación, Ciencia e Formación Profesional. Unha reunión na que se analizará a proposta da Xunta sobre os cambios propostos para modificar a Lei de Universidades.

En materia de titulacións, destacou o protocolo asinado coa Universidade de Tecnoloxía de Anhui para impulsar dobres titulacións do ámbito tecnolóxico cos Graos en Ciencia e Enxeñaría de Datos, en Enxeñaría Mecánica e en Enxeñaría Electrónica, Industrial e Automática. A proposta xa foi supervisada polas autoridades académicas da provincia chinesa de Anhui, e a documentación atópase na fase final de preparación para ser enviada ao Ministerio competente da República Popular da China. Ao longo dos vindeiros meses está prevista a sinatura dos correspondentes convenios que permitirán que profesorado da UDC viaxe a China para impartir docencia nesas titulacións, por períodos de, aproximadamente, 5 semanas consecutivas, así como que o estudantado chinés poida obter o título por ambas as dúas universidades. 

Polo que se refire á descentralización de Medicina, o reitor informou que xa entrou en vigor o Regulamento que prevé a constitución das Unidades Docentes (do CHUAC e do CHUVI) e a elección das persoas que as coordinen
deberá estar no prazo dun mes. Lembrou que actualmente está en marcha o proceso de contratación das catro prazas de PACS (nos servizos de Anestesioloxía, Atención Primaria, Urxencias e Pneumoloxía) para a cobertura da docencia práctica clínica de 5º curso descentralizada no ámbito territorial da UDC.

Lea también

Éxito de participación na xornada “Experiencias do estudantado egresado” da Facultade de Ciencias do Traballo

O Campus Industrial de Ferrol acolleu este mércores a xornada “Experiencias do estudantado egresado”, unha …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *