Educación destina 15 M€ á UDC para equipamento ciéntífico e para o futuro Edificio da Industria Intelixente de Ferrol

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asinou co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao Abad, tres acordos de colaboración para construír na cidade de Ferrol o novo Edificio de Investigación e Innovación da Industria Intelixente EI3 e para reforzar o equipamento científico-técnico das facultades da UDC e dos centros da Rede CIGUS da Xunta.

Fuente Xunta-Educación

O Goberno galego destina preto de 15 M€ á mellora destes recursos para contribuír ao avance da I+G+i. Ao acto asistiu o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.

Fuente Xunta-Educación

En concreto, ao Edificio de Investigación e Innovación da Industria Intelixente EI3 corresponde un investimento total de 13,1 M€, a través da sinatura de dous convenios e unha addenda ao acordo do Plan de Infraestruturas de 2025. Trátase dunha infraestrutura singular no eido da enxeñaría industrial e naval que contará con equipamento especializado para crear un polo de innovación de fabricación aditiva da Industria 4.0 capaz de desenvolver proxectos estratéxicos e tractores no eido da enxeñaría, a innovación e o deseño.

O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, destacou que é un proxecto estratéxico que aposta por unha das misións máis importantes que ten a universidade: a transferencia de coñecemento. “Damos un paso definitivo na posta en marcha deste proxecto, que permitirá que todo o traballo que desenvolven os grupos de investigación e os investigadores no eido universitario poida trasladarse á sociedade. Ademais, facilitará a colaboración man a man nun obxectivo común, como é transferir estas potencialidades aos sectores produtivos”, expresou.

O futuro EI3 reforzará o papel do Campus Industrial como referente en investigación, innovación e transferencia nos ámbitos da inxeniería naval, industrial y das tecnoloxías da Industria 4.0./ Fuente Campus Industrial de Ferrol-UDC

O obxectivo deste novo edificio será liderar iniciativas tractoras nas áreas de especialización do Campus Industrial de Ferrol como enxeñaría naval e offshore, robótica, xestión de procesos industriais ou hidróxeno verde aplicado ao sector marítimo. Este edificio, que prevé estar rematado a finais de 2029, contará con espazos flexibles, modulares e mutifuncionais destinados á investigación, á docencia ou á transferencia de coñecemento. Unha vez terminada a obra prevese o traslado ao novo edificio EI3 das instalacións do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) e do CEMI (Centro mixto de investigación UDC-Navantia). Isto suporá a integración de 13 laboratorios e 175 investigadores.

Trasladarase tamén unha ampla gama de instrumentación avanzada para traballar en eidos como materiais, enerxía, fabricación avanzada, láseres, polímeros, robótica, química e radioactividade.

Para o reitor da UDC, Ricardo Cao, “a posta en marcha do EI3 permitirá á Universidade da Coruña dar un salto cualitativo nas súas capacidades de investigación e transferencia, especialmente no Campus Industrial de Ferrol, ao que se dotará dun espazo especificamente deseñado para o desenvolvemento de proxectos colaborativos e a conexión permanente entre universidade e empresa”.

Fuente Xunta-Educación

Desde microscopios e simuladores clínicos a equipos de computación cuántica

Por outra banda, outro dos convenios asinados por un importe de 1,86 M€, permitirá á Universidade da Coruña renovar os recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado e mellorar os equipos científico-técnicos dos centros CIGUS e dos centros colaborativos.

Mediante este acordo, a maior parte do investimento será para os centros de investigación e servizos centrais de investigación. O CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) mellorará o equipamento científico destinado á investigación en química, materiais, biomedicina, ciencias da vida e conservación crioxénica. O CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións), optimizará o equipamento de computación cuántica, servidores e tarxetas gráficas de altas prestacións, sistemas de almacenamento e copias de seguridade, maquinaria de precisión e unidades de control robótico.

No caso dos centros colaborativos, o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil) contará con instrumentos para a caracterización de materiais, a medición de caudais e da calidade da auga, a adquisición de datos, a realización de ensaios, a impresión 3D e a modernización dos sistemas de control e automatización dos laboratorios, ademais de mellorar o equipamento científico e experimental en edificación e en enxeñaría civil.

Así mesmo, reforzar os recursos para a docencia é outros dos piares deste acordo coa UDC. Deste xeito, o Campus Industrial de Ferrol poderá poñer en práctica a simulación e a experimentación mediante simuladores clínicos, microscopios, instrumentación científica e equipos de ensaio. Tamén se incorporarán novas ferramentas dixitais ou partidas para o reforzo da xestión académica.

Lea también

La Diócesis de Mondoñedo-Ferrol celebra la X Jornada Mundial de los Pobres,  «El Señor es el refugio del pobre»

Con este motivo, Cáritas Diocesana ha preparado una programación de encuentros abiertos de amistad social, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.