A futura planta de biomasa de INTASA en San Sadurniño supera a tramitación ambiental

O Goberno local asegura que o proxecto reforza a continuidade «dun dos principais motores industriais e do emprego», cualificándoo de «estratéxico» para o futuro industrial do municipio.

Vista aérea da planta de INTASA en San Sadurniño | Foto: César Galdo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da resolución favorable á modificación da autorización ambiental integrada de INTASA, que lle permitirá á madeireira construír unha nova planta de biomasa nas instalacións da Bidueda. O proxecto consistirá na instalación dunha caldeira de 45 MW co obxectivo de modernizar o sistema enerxético da fábrica e avanzar na descarbonización da súa actividade industrial. Desde o goberno local cualifícase o anuncio -dispoñible para consulta pública nesta ligazón– como “unha boa noticia” en termos ambientais e de garantías do emprego de cara aos próximos anos.

A autorización aprobada pola Xunta consiste na modificación da autorización ambiental integrada (AAI) que regula o funcionamento da fábrica de INTASA na Bidueda. Trátase do permiso ambiental onde se establecen as condicións nas que pode operar a instalación industrial, incluíndo aspectos como as emisións á atmosfera, os combustibles empregados, os sistemas de tratamento e os controis ambientais.

Neste sentido, a modificación autorizada -caracterizada como “non substancial” pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade- refírese á construción no complexo industrial dunha nova planta de biomasa de 45 MW, que pasará a producir o vapor, o aceite térmico e os gases quentes necesarios para o proceso de fabricación dos taboleiros MDF.

A nova instalación contará tamén con silos de almacenamento da biomasa, sistemas de tratamento de gases e outros equipos auxiliares. No momento en que se constrúa e entre en funcionamento, os actuais equipos quedarán como instalacións de reserva para situacións puntuais, de maneira que a factoría poderá concentrar a súa produción térmica nun sistema máis eficiente e orientado á redución das emisións de carbono da actividade industrial.

Para o goberno local, a autorización autonómica confirma a viabilidade ambiental dun proxecto que “vén reforzar a continuidade da empresa como un dos principais motores económicos e de emprego do municipio e da comarca”, comentou o alcalde, Secundino García Casal.  A resolución supón “un paso decisivo” para a execución dun proxecto que o Executivo local considera “estratéxico para o futuro industrial de San Sadurniño”.

Trala obtención da autorización ambiental, INTASA ten vía libre para acometer a construción da nova infraestrutura, que deberá obter antes outros permisos sectoriais e a preceptiva licenza de obra municipal.

A resolución e toda a documentación da autorización ambiental integrada poden consultarse na páxina web da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, no apartado de busca de expedientes de autorización ambiental integrada, segundo lle comunicou hai uns días ao Concello a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade ao Concello de San Sadurniño.

Lea también

El Fútbol Sala Valdoviño abre jornadas de tecnificación para jóvenes de 8 a 16 años

El Fútbol Sala Valdoviño, con la colaboración del Ayuntamiento, promoverá durante toda la temporada sesiones …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *