O pleno de Ferrol aproba a conta xeral do 2025, que eleva o patrimonio neto do concello ata os 161 millóns

A execución orzamentaria supera os 39 millóns de euros no primeiro semestre de 2026, con 4 millóns destinados a investimentos, un 900 % máis que no primeiro trimestre.

Pleno ordinario | Fot. Concello de Ferrol

O pleno do Concello de Ferrol aprobou esta tarde a Conta Xeral do exercicio do 2025, que reflicte unha evolución positiva da situación económica e patrimonial municipal, cun incremento de 7 millóns no patrimonio neto respecto do exercicio anterior. A Conta Xeral do 2025 foi aprobada cos votos a favor do Goberno e os votos en contra dos grupos municipais do PSOE, BNG e FeC.

A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, explicou que a Conta Xeral é o documento que recolle “o reflexo fiel de todas as operacións e de todas as actuacións levadas a cabo durante un exercicio económico, neste caso, o correspondente a 2025”.

Segundo os datos da Conta Xeral, o total do activo e do pasivo ascendeu a 191 millóns de euros, fronte aos 183 millóns do exercicio 2024. Pola súa banda, o saldo neto da conta do resultado económico-patrimonial representa un aforro de 7 millóns de euros.

O patrimonio neto do Concello sitúase en 161.105.700,19 euros, o que supón un incremento de aproximadamente 7 millóns de euros respecto de 2024. “Estes datos amosan a evolución positiva das contas municipais nun contexto no que estamos incrementando o gasto e mantendo os impostos sen subidas”, subliñou Sanjurjo.

Outro dos datos destacados pola edila é o relativo á contratación pública. Durante 2025, o 92 % dos procedementos de contratación de contratos maiores do Concello realizáronse mediante procedemento aberto. Sanjurjo puxo en valor este dato e lembrou que ao inicio do actual mandato “atopámonos con numerosos servizos sen contrato”, unha situación que, segundo explicou, “foi regularizada durante estes anos”.

A Conta Xeral tamén recolle unha redución significativa no importe dos reparos. Durante 2025, o importe ascendeu a 11 millóns de euros, fronte aos 32 millóns de euros rexistrados no período de referencia do anterior goberno municipal. “Pasamos de 32 millóns a 11 millóns de euros en reparos, o que supón unha redución do 66 %”, destacou Sanjurjo.

EXECUCIÓN TRIMESTRAL
Durante o Pleno, a concelleira de Facenda deu tamén conta da execución orzamentaria correspondente ao segundo trimestre de 2026.

Os datos do primeiro semestre amosan unha evolución crecente da execución a medida que avanza o exercicio. No primeiro semestre de 2026 executáronse 39 millóns de euros, 26 millóns máis que no primeiro trimestre. Especialmente significativa é a evolución do capítulo 6, correspondente aos investimentos, que no primeiro semestre alcanzou os 4 millóns de euros, un 900 % máis que no primeiro trimestre.

Sanjurjo destacou tamén a evolución acumulada da execución ao longo do mandato. “Durante os catro anos do mandato anterior a execución foi de 233 millóns de euros, mentres que en tan só tres anos este goberno leva xa 277 millóns de euros executados, e aínda queda un ano de mandato”.

No caso concreto dos investimentos, explicou que “nos catro anos do anterior mandato executáronse 17 millóns de euros no capítulo 6, mentres que este Goberno local xa supera os 32 millóns en só tres anos”.

“Estamos executando máis e a un maior ritmo, especialmente no capítulo de investimentos, e os datos da Conta Xeral do 2025 e da execución orzamentaria avalan esta evolución”, concluíu Sanjurjo.

OUTROS PUNTOS
Por outra banda, o Pleno aprobou as dúas festividades locais do municipio para o ano 2027: o 7 de xaneiro, festividade de San Xiao, e o 29 de marzo, Luns de Pascua, festividade de Chamorro.

Finalmente, o Pleno aprobou unha declaración institucional de condena polos actos vandálicos cometidos recentemente contra a sede da Cruz Vermella na cidade. A Corporación municipal trasladou a súa solidariedade e apoio á Cruz

Vermella, ao seu persoal e ao voluntariado, e recoñeceu o seu compromiso permanente coa sociedade ferrolá.

Lea también

Ferrol renova as zonas verdes do parque da Valenta con traballos de poda e mantemento

As actuacións levadas a cabo responden á petición cursada pola AVV de San Pablo tras …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *