O Campus Industrial de Ferrol acolleu este mércores a xornada “Experiencias do estudantado egresado”, unha iniciativa desenvolvida no marco do Plan de Acción Titorial (PAT) da Facultade de Ciencias do Traballo e dirixida principalmente ao alumnado do primeiro curso do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.
O encontro contou cunha ampla participación e permitiulle ao estudantado asistente coñecer de primeira man as traxectorias profesionais e os distintos ámbitos nos que desenvolven a súa actividade varias das persoas que se formaron neste centro.
Na apertura da xornada participaron a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez González, o coordinador do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, José María Rolón Varela, e o coordinador do Plan de Acción Titorial (PAT) na Facultade de Ciencias do Traballo, o profesor Joaquín Enríquez Díaz.
Durante a súa intervención, déronlle a benvida ao estudantado asistente ao encontro e destacaron a importancia de favorecer, desde o comezo da etapa universitaria, o contacto do alumnado coa realidade profesional e máis co tecido empresarial da comarca de Ferrolterra e de Galicia.
A actividade contou coa participación da responsable CAE e de Operacións Administrativas e de RRHH en ARMACON, Cristina Castro Barcala; da Experienced Senior na Área de HR & PlayRoll en Deloitte, Andrea Vieites Estraviz; da consultora laboral no Grupo Atlante, Rebeca Enríquez Allegue; da xestora de persoas en Leche Celta, Cynthia García Ramonde, e dos graduados en Relacións Laborais e Recursos Humanos, José Zar Varela e Iván Montero Barros.
Na actualidade, as persoas participantes desenvolven a súa actividade profesional nos eidos da xestión de persoas e recursos humanos, da consultoría laboral, da administración e da xestión empresarial ou ben continúan coa súa formación e especialización nalgún destes campos.
Ao longo da xornada, o estudantado egresado compartiu experiencias persoais e profesionais, desde a etapa universitaria ata a súa incorporación ao mercado laboral.
O encontro pechouse cun coloquio no que o alumnado do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos puido formular preguntas e coñecer de primeira man as oportunidades e os retos do ámbito profesional.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
