En Ferrol, desenvolveranse dez obradoiros e actividades vinculados principalmente ao CITENI e ao Campus Industrial.

A Coruña participará o vindeiro 25 de setembro na sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa europea de divulgación científica que transformará diferentes espazos da cidade en lugares de encontro entre a investigación e a sociedade. A Universidade da Coruña (UDC) liderará unha programación con máis de corenta actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos, que se desenvolverán en museos, centros culturais, instalacións universitarias e espazos ao aire libre.
A G-Night celebrarase simultaneamente nas sete principais cidades galegas e en centos de localidades europeas, co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e visibilizar o labor das persoas investigadoras. A edición de 2026 contará en Galicia con máis de 150 actividades e a participación de máis de 500 investigadoras e investigadores, que compartirán o seu traballo coa sociedade a través de obradoiros, demostracións, experimentos, exposicións, roteiros e encontros divulgativos.
Nesta edición, a Universidade da Coruña desenvolverá unha ampla programación nos campus da Coruña e de Ferrol e en diferentes espazos das dúas cidades. Serán máis de corenta actividades gratuítas, en horario de mañá e de tarde, dirixidas a escolares, familias, persoas adultas e público xeral. Na Coruña, a programación distribuirase en seis localizacións: a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o campus de Elviña, a Domus, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes da Coruña e a Dársena da Mariña. En Ferrol, desenvolveranse dez obradoiros e actividades vinculados principalmente ao CITENI e ao Campus Industrial.
A través desta programación, a Universidade da Coruña pretende facer visible o impacto da investigación na vida cotiá e favorecer o contacto directo entre a cidadanía e as persoas que desenvolven a súa actividade científica. O público poderá coñecer de primeira man proxectos relacionados coa saúde, a intelixencia artificial, a sustentabilidade, a biodiversidade, as matemáticas, a economía, as tecnoloxías navais, a enxeñaría ou a cultura visual, entre outros ámbitos.
A vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, destaca que a G-Night «é unha das grandes citas anuais da divulgación científica en Galicia e unha magnífica oportunidade para achegar a
investigación á cidadanía dun xeito próximo, participativo e accesible».
Naya subliña que «queremos que as persoas que se acheguen ás actividades poidan descubrir o impacto que ten a ciencia na súa vida cotiá e coñecer de primeira man o traballo que desenvolven centos de investigadoras e
investigadores». Neste sentido, engade que «a divulgación científica é unha ferramenta fundamental para fortalecer a cultura científica da sociedade e para espertar novas vocacións entre a mocidade».
A vicerreitora salienta tamén a importancia da colaboración institucional que fai posible esta iniciativa: «A G-Night é un exemplo do que podemos conseguir cando universidades, centros de investigación, administracións públicas e entidades colaboradoras traballan cun obxectivo común: facer chegar o coñecemento á sociedade e poñer en valor o talento científico que existe en Galicia».
A proposta da UDC contará coa implicación dos seus principais centros de investigación, entre eles o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Ademais, nesta edición colaborarán tamén o Instituto de
Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
A programación abrangue unha ampla variedade de temáticas que reflicten o carácter multidisciplinar da investigación desenvolvida na Universidade e nas entidades participantes. Baixo o lema “Conciencias Creativas”, a edición deste ano quere destacar acreatividade como un elemento esencial do proceso científico, capaz de impulsar novas preguntas, solucións innovadoras e respostas aos grandes desafíos da sociedade. A iniciativa busca así fomentar a curiosidade, o pensamento crítico e as vocacións científicas entre persoas de todas as idades.
A celebración da G-Night na Coruña será posible grazas á colaboración da Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, o MUNCYT, o Museo de Belas Artes da Coruña, a Deputación da Coruña, o Centro Oceanográfico da Coruña e a Asociación Española Contra o Cancro, entidades que contribúen a ampliar o alcance da programación e a levar a ciencia máis alá dos campus universitarios.
A Universidade da Coruña anima a toda a cidadanía a participar nesta gran festa da ciencia e descubrir, de forma próxima, participativa e accesible, como a investigación contribúe a comprender mellor o mundo e a mellorar a calidade de vida das persoas. O vindeiro 25 de setembro, a cidade volverá converterse nun gran laboratorio ao aire libre onde a ciencia sairá ao encontro da sociedade.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.