As obras abranguen a repavimentación e reforzo de rodadura. A actuación de maior contía renova quince viais repartidos entre Pedroso, Sedes, Castro, O Val, San Xiao, San Mateo e O Couto.

O Concello de Narón está a executar tres proxectos de repavimentación e reforzo de camiños municipais, incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+ADICIONAL 2/2024, cun investimento conxunto de 763.956,11 euros.
«Este investimento responde ao compromiso do Concello de manter en bo estado a rede viaria das nosas parroquias, especialmente naqueles camiños que sofren un uso máis intenso«, sinalouse desde o Concello.
O primeiro proxecto actúa sobre os camiños de Cerdeiras, Capilla da O, Ruxida, Río Seco, Carballal e o camiño do Lodairo, viais rurais de uso intenso como vía de comunicación entre núcleos, moitos deles procedentes de antigas concentracións parcelarias. As obras inclúen a regularización de bordos e a extensión dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente, con anchos máis regulares. O orzamento desta actuación ascende a 226.062,33 euros e o prazo de execución previsto é de catro meses.
O segundo proxecto repara os camiños de Ferrerías, Corredoira, a rúa San Pedro e a rúa de Soria, catro viais que arrastran deterioración por mor das obras recentes na rede de saneamento, o que provocou fisuras e deformacións sobre todo nos cruzamentos. A rúa de Soria presenta ademais un risco engadido pola pendente do vial. As obras contemplan a regularización de bordos, o rebacheo xeral e unha nova capa de rodadura, mentres que no treito da rúa de Soria se procederá ao fresado e retirada do adoquinado existente para a súa reposición. O investimento nesta actuación é de 111.227,31 euros, cun prazo de tres meses.
O terceiro e maior dos proxectos, pola amplitude das actuacións, reforza a rodadura de quince viais repartidos entre as parroquias de Pedroso, Sedes, Castro, O Val, San Xiao, San Mateo e O Couto, entre eles Bazón, Borreiros, Borrallada, Redondo e o camiño das Murallas. Trátase de camiños pavimentados orixinalmente con triplo rego asfáltico e rebacheados en varias ocasións, algúns deles afectados recentemente por obras de saneamento que danaron o firme nos cruzamentos. A actuación inclúe a regularización de bordos, as obras auxiliares necesarias e unha nova capa de rodadura. É a intervención de máis contía, con 426.666,47 euros, e un prazo de execución de catro meses.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.