A Rede Coworking Fest programa xornada de portas abertas e visitas aos proxectos que están elaborando produto na Fusquenlla

O Centro de Transformación A Fusquenlla participa na semana do 14 ao 18 de setembro na terceira edición da Rede Coworking Fest, unha iniciativa do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña que dá a coñecer os 12 espazos de traballo colaborativo da provincia e os proxectos que se desenvolven neles.

Fot. César Galdo

A Fusquenlla preparou para esta semana cinco visitas a explotacións das súas usuarias e unha xornada de portas abertas nas propias instalacións. Os percorridos permitirán achegarse ás iniciativas de horta e froita e ver como parte deses produtos se transforman posteriormente nas instalacións de Moeche.

A participación nas visitas é gratuíta, pero require inscrición previa, que poderá facerse ata este xoves 10 de setembro, incluído, a través do correo contacto@afusquenlla.gal ou do teléfono 695 87 60 68.

A Rede Coworking Fest é unha actuación coordinada pola Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña que chega este ano á súa terceira edición. O seu obxectivo é mostrarlle ao público xeral e a todas aquelas persoas interesadas en poñer en marcha novos proxectos todo o que poden ofrecer os espazos adheridos á rede, poñendo como exemplo para iso as actividades e iniciativas que xa se están desenvolvendo nos distintos espazos da rede.

Durante a semana do 14 ao 18 de setembro, os distintos centros participantes organizarán actividades centradas nos pefís profesionais das súas usuarias e usuarios, de modo que a axenda programada na Rede Coworking Fest tamén será un bo escaparate para todas as pequenas empresas vinculadas aos espazos de traballo colaborativo da Coruña e unha oportunidade para continuar evolucionando, xa que parte das propostas consisten en obradoiros especializados para mellorar en competencias como a comunicación, o posicionamento en redes sociais, o plan de negocio ou o uso das novas ferramentas de Intelixencia Artificial.

No caso de A Fusquenlla, a programación xuntará a visita ao propio centro con cinco encontros en explotacións de usuarias. A intención é mostrar a cadea completa, desde a produción das materias primas ata a súa transformación, e poñer en valor a diversidade dos proxectos que utilizan as instalacións de Moeche.

Fot. César Galdo

A primeira cita será o luns 14 entre as 18:00 e as 19:30 horas, coa visita a Bieiteiras, o proxecto agroecolóxico promovido por Cynthia Arias nas Pontes. A iniciativa conta con certificación do CRAEGA e combina a produción de horta, carne e ovos que, cando hai excedentes, tamén elabora conservas vexetais. As persoas participantes poderán coñecer directamente a explotación, situada nun contorno de fragas e carballos centenarios, e descubrir como unha iniciativa de pequena escala pode pechar o ciclo produción-transformación-venda na propia terra.

martes 15 haberá dúas visitas. A primeira, ás 17:00 horas será a Aires de Susi, unha explotación impulsada en Vilarmaior por María Jesús Abeal cunha ampla variedade de cultivos, entre os que se atopan cebola, pemento, leituga, alcachofa, repolo, brócoli, coliflor, grelo, feixóns, amorodos, arandos, figos migueliños, peras, cítricos, mazás ou  pexegos, ademais de avicultura artesanal. A visita permitirá coñecer unha horta na que boa parte da produción se comercializa en fresco, reservando unha parte dos excedentes para a súa transformación na Fusquenlla.

Ese mesmo día ás 18:30 horas, tamén en Vilarmaior, será a quenda de Manda Carballo, un proxecto especializado no cultivo de cogomelos, actualmente con variedades como shiitake e Pleurotus eryngii, ás que proximamente se incorporará a melena de león. Na visita poderán verse a sala de produción dos sacos, a finca e os recintos destinados á produción en toradas de madeira. Precisamente este último sistema é un dos elementos que Marikeles, responsable do proxecto, considera máis interesantes para coñecer. Case toda a produción de Manda Carballo se transforma en conserva nas instalacións da Fusquenlla.

mércores 16 -18:00 a 19:30 horas- chegará a visita a Ay! Carmen, unha explotación de Valdoviño centrada principalmente na produción de tomate, cebola, pemento, berenxena e plantas aromáticas. Ao tratarse dunha horta de verán e estar a produción condicionada pola evolución meteorolóxica, o que poderá verse dependerá do estado dos cultivos nese momento. O proxecto ideado por Carmen Caínzos ten, igual que os outros, unha relación especialmente estreita coa Fusquenlla, xa que a materia prima da horta é a que posteriormente se transforma no centro situado no recinto feiral de San Ramón. A propia iniciativa naceu inicialmente como un proxecto de autoconsumo e deu o salto á venda a raíz da súa incorporación á Fusquenlla.

A programación continuará o xoves 17 cunha xornada de portas abertas na que as persoas participantes poderán coñecer as instalacións e o funcionamento do Centro de Transformación A Fusquenlla, ademais das explotacións e proxectos que forman parte activa do proxecto, como o de María Painceiras. As visitas irán facéndose a medida que as persoas visitantes inscritas vaian chegando ao centro, onde se lles ofrecerá unha visita guiada polas dependencias. O horario de mañá estará comprendido entre as 11:00 e as 13:00 horas e o da tarde entre as 16:00 e as 18:00 horas.

A semana pecharase o venres 18 coa visita, de 18:00 a 19:30 horas, á explotación de Manolo e Brais Varela, en Naraío. Trátase dunha finca de dez ferrados dedicada á produción de froita certificada en ecolóxico polo CRAEGA, con especial presenza de variedades autóctonas de mazá. O proxecto comercializa a súa produción mediante circuítos curtos e unha parte da froita destínase á elaboración de zume para autoconsumo na Fusquenlla, sen descartar que no futuro poida comercializarse.

As seis actividades serán unha oportunidade para coñecer de preto proxectos de dimensión e características moi diferentes, pero unidos pola aposta pola produción local e polo aproveitamento das posibilidades que ofrece A Fusquenlla como espazo compartido de transformación agroalimentaria. As visitas permitirán, ademais, coñecer as persoas que están detrás de cada iniciativa e o percorrido que fan os alimentos desde as explotacións ata os produtos elaborados.

Inscrición ata o 10 de setembro incluido

Todas as actividades son gratuítas e requiren inscrición previa. As persoas interesadas en participar deberán enviar un correo a contacto@afusquenlla.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e visita ou visitas ás que desexan asistir. Tamén é posible realizar a reserva no teléfono 695 876 068.

O prazo para inscribirse remata o xoves 10 de setembro, incluído. A programación completa da III Rede Coworking Fest está dispoñible na web da Rede Provincial de Espazos de Traballo.

Lea también

O PSdeG reclama á Xunta a construción dun novo comedor no CEIP Maciñeira de Neda

Aitor Bouza pide que se adapte para tal fin a antiga casa do conserxe no …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *