O Jazz de Ría a piques de arrincar o seu cartel máis internacional

O 10º aniversario do Jazz de Ría que levará a Cedeira, Valdoviño, Narón, e Neda propostas de música jazz de sete países nunha edición fiada arredor do relato que conecta a melodía do chifro do afiador José María Rodríguez rexistrada por Alan Lomax nunha aldea ourensá coa peza que anos máis tarde interpretou Miles Davis no traballo Sketches of Spain.

Concerto da pasada edición na praia do Baleo onde este ano actuarán os peruanos Alejandro y María Laura ao remate do espectacular roteiro Balcóns ao Atlántico

O festival propón ao longo de cinco días un itinerario que permitirá ao público descubrir esa conexión entre a música tradicional galega e unha das figuras fundamentais do jazz do século XX desde perspectivas moi diferentes que van desde á narración oral e as experiencias no territorio.
 
Cinco propostas para seguir o rastro de Miles Davis

O percorrido comezará o mércores 12 de agosto en San Antón de Corveiro, coincidindo coa eclipse, coa sesión creada por DJMIL especificamente para acompañar este fenómeno astronómico. Colaborador de Tanxugueiras e de moitas outras carreiras musicais emerxentes e consolidadas no rap , jazz ou soul, o produtor galego, habituado a construír universos sonoros mesturando vinilo, electrónica e músicas de raíz, abrirá un diálogo entre tradición e contemporaneidade que servirá de preludio ao concerto inaugural.
 
Poucos minutos despois da ocultación do Sol, Xabier Díaz presentará un concerto pouco habitual nos escenarios galegos acompañado por Iván Costa, Roberto Grandal e Guillermo Guerrero, cos que revisitará o repertorio tradicional galego desde a improvisación e o diálogo co jazz e o folk, convertendo melodías transmitidas durante xeracións nun espazo aberto á creación contemporánea.
 
O xoves, o relato continuará no Castro do Rodo, en Valdoviño, coa intervención de Marina Vigo, Luís Bolón e Sandra Pérez, unha proposta construída a partir das gravacións realizadas por Alan Lomax en Galicia. O repertorio inclúe precisamente a melodía do chifre do afiador José María Rodríguez que inspirou a Miles Davis, reinterpretada agora desde unha mirada actual e novas texturas sonoras creadas con gaita, zanfona e marimba.
 
O venres chegará unha das estreas máis agardadas desta edición: Ensemble 100xMILES, unha formación creada expresamente para celebrar o centenário do nacemento de Miles Davis que reúne algúns dos músicos máis destacados do jazz galego.

O concerto renderá homenaxe ao trompetista recuperando o histórico repertorio do concerto que ofreceu xunto a John Coltrane no Olympia de París en 1960, ademais doutras composicións imprescindibles como Round About MidnightOleo ou So What.
 
O fío narrativo pecharase o sábado coa contada de Quico Cadaval, que converterá a historia do afiador ourensán e do seu chifre nun exercicio de narración oral onde memoria, improvisación e humor dialogarán coa esencia mesma do jazz.
 
A edición máis internacional da historia do festival

Xunto a ese percorrido arredor de Miles Davis, o Jazz de Ría reunirá artistas procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos e España, confirmando a edición máis internacional da súa historia.
 
O dúo peruano Alejandro y María Laura, recentemente nomeado aos Latin Grammy, levará ata a praia do Baleo unha proposta de canción de autor con influencias do jazz e da música de raíz latinoamericana.
 
O sábado, no Parque do Río Freixeiro, o público terá a oportunidade de gozar cun dos poucos concertos que ofrecerán na península a formación froito da unión da cantante palestino-irlandesa Sarah Dowling e o pianista estadounidense Michael Kanan, dous referentes do jazz clásico internacional. No mesmo escenario, sorprenderá a personalidade sonora de Albert Cirera & Tres Tambors, unha das formacións máis consolidadas do jazz europeo contemporáneo; e pechando a noite o Yosvany Terry Quartet, encabezado polo prestixioso saxofonista cubano que colaborou con artistas como Chick Corea, Gonzalo Rubalcaba, Steve Coleman ou Chucho Valdés.
 
O peche do festival chegará o domingo en Neda da man do compositor e improvisador de Tucumán (Arxentina) Manu Sija, un dos multiinstrumentistas máis singulares da escena sudamericana actual, recoñecido pola súa capacidade para integrar improvisación, folclore e experimentación electrónica nun mesmo directo.
 
Información práctica para asistir ao festival

Para asistir á sesión inaugural da eclipse en San Antón de Corveiro só será posible acceder ao miradoiro a pé ou nos autobuses lanzadeira gratuítos habilitados polo festival, con saída ás 18.30 horas desde o Paseo Arriba da Ponte, en Cedeira. Ao remate do concerto de Xabier Díaz realizarase tamén o servizo de regreso. O público recibirá ademais gafas homologadas para seguir a eclipse con seguridade.
 
As persoas interesadas na visita guiada ao Mosteiro do Couto con Quico Cadaval deberán realizar previamente a correspondente reserva de praza a través da web do festival, mentres que para asistir ao concerto de Ensemble 100xMILES, no Pazo da Cultura de Narón, será necesario retirar os convites gratuítos que están xa dispoñibles no despacho de billetes do Pazo.
 
O roteiro Balcóns ao Atlántico partirá da caseta de socorrismo da Praia de Pantín para percorrer o tramo ata o Castro do Rodo, onde terá lugar a intervención artística de Marina Vigo, Luís Bolón e Sandra Pérez. Desde alí o percorrido continuará ata a praia do Baleo para finalizar a xornada co concerto de Alejandro e María Laura.
 
Toda a información práctica sobre horarios, reservas, retirada de convites e funcionamento dos servizos especiais pode consultarse na páxina web e nas redes sociais oficiais do festival.

Lea también

Ortigueira prepara un programa con divulgación científica, senderismo y la retransmisión en directo del eclipse

La jornada del próximo 12 de agosto incluirá talleres infantiles por edades, una ruta guiada …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *