Fene estrea o seu primeiro “Faladoiro”

O primeiro Faladoiro está situado na avenida Naturais de Fene e o Concello prevé crear novos puntos noutras zonas do municipio.

Concello de Fene vén de instalar o primeiro Faladoiro, unha nova iniciativa coa que pretende recuperar pequenos espazos urbanos para convertelos en lugares de encontro, descanso e conversa entre a veciñanza.

O primeiro destes espazos está situado na avenida Naturais de Fene, nun punto especialmente frecuentado, e nace coa vocación de ofrecer un lugar cómodo e agradable onde facer unha pausa, compartir unha conversa ou simplemente desfrutar da contorna. A presenza de sombra e dun mobiliario pensado para favorecer a estancia converten este novo espazo nun punto de encontro aberto a persoas de todas as idades.

A actuación está impulsada desde a área de igualdade e intégrase na aposta municipal por crear espazos públicos máis accesibles e pensados para as persoas. Ademais, os Faladoiros incorporan elementos identificativos que reforzan a mensaxe de igualdade que o Concello promove nos espazos públicos.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “os Faladoiros nacen cunha idea moi sinxela pero moi necesaria: recuperar o espazo público como lugar de encontro entre as persoas”. A rexedora explicou que “queremos que as rúas e prazas non sexan só lugares de paso, senón tamén espazos onde sentarse, conversar, descansar e fortalecer as relacións entre a veciñanza”.

Permuy sinalou ademais que “esta iniciativa encaixa coa nosa maneira de entender o urbanismo, poñendo ás persoas no centro e creando espazos máis humanos e acolledores”. Neste sentido, avanzou que “o Faladoiro da avenida Naturais de Fene é o primeiro dunha rede que iremos ampliando progresivamente noutras zonas do municipio, recuperando pequenos recunchos urbanos para darlles un novo uso social”.

Desde o Concello destacan que esta actuación forma parte da estratexia municipal para mellorar a calidade dos espazos públicos, fomentando a convivencia, a igualdade e a creación de lugares que favorezan a vida comunitaria. O obxectivo é estender progresivamente esta iniciativa a diferentes parroquias, creando novos Faladoiros adaptados ás características de cada contorna.

Lea también

La incidencia de la gripe baja en Galicia, que registra además un descenso en la dispensación de antigripales

El informe de la Dirección Xeral de Saúde Pública de la Consellería de Sanidade sobre …