O programa inclúe unha aula de catas de bens agroalimentarios galegos, así como degustacións de produtos do mar.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participa ata o 4 de novembro no Gastronomic Forum Barcelona 2026, un dos principais encontros profesionais do sector gastronómico, co obxectivo de promover os alimentos galegos de calidade diferenciada, reforzar a súa presenza no mercado e favorecer novas oportunidades comerciais para as empresas agroalimentarias galegas.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou na inauguración do evento, no que Galicia conta cun espazo expositivo propio no que participan 21 empresas expositoras, 13 delas a través da Consellería do Medio Rural e outras 8 da Consellería do Mar.
As empresas participantes representan unha ampla diversidade de producións agroalimentarias galegas, entre elas viños, licores, produtos de panadaría, elaborados cárnicos e outras especialidades alimentarias. A súa presenza neste encontro permitirá dar a coñecer os seus produtos entre os profesionais da restauración e da distribución, establecer novos contactos comerciais e reforzar o seu posicionamento no mercado catalán, un destino de interese para a comercialización das producións galegas.
Deste xeito, por parte de Medio Rural, o programa inclúe unha aula de catas e degustacións na que se desenvolverán 15 actividades ao longo dos tres días de feira, coa participación de representantes dos consellos reguladores, empresas expositoras e profesionais da restauración, que achegará aos visitantes á diversidade dos produtos galegos amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, así como a Agricultura Ecolóxica e a Artesanía Alimentaria de Galicia.
Estas actividades complementaranse con degustacións de produtos do mar, comomexillóns, pescada, bonito e conservas. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, comprobarao en primeira persoa, asistindo a esta cita, onde queda reflectida a riqueza e a diversidade da despensa galega.

Aquí Sabemos: produtos con orixe, calidade e identidade
A participación da Xunta no Gastronomic Forum Barcelona enmárcase na estratexia de promoción de Aquí Sabemos, coa que a Xunta impulsa o coñecemento e o recoñecemento dos produtos galegos certificados, poñendo en valor a súa orixe, autenticidade, trazabilidade e vinculación co territorio. Neste contexto, a calidade diferenciada constitúe unha das principais fortalezas do sector agroalimentario galego, ao permitir competir pola singularidade, a reputación e o valor engadido dos seus produtos.
Neste sentido, a participación en encontros profesionais como o Gastronomic Forum Barcelona forma parte da aposta da Xunta por ampliar os mercados dos alimentos galegos de calidade diferenciada, favorecer a súa incorporación ás canles de restauración e distribución e xerar novas oportunidades de negocio para as empresas produtoras.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.