O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, mantivo onte unha reunión institucional coas deputadas do PSOE no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, Beatriz Sestayo e Paloma Rodríguez, respectivamente.
No encontro, o rexedor naronés informou ás parlamentarias dos temas de interese para Narón, solicitándolles que se interesen ante os organismos autonómico e central sobre os mesmos.
En concreto, José Manuel Blanco formulou á deputada autonómica Beatriz Sestayo a necesidade de solicitar financiamento nos Orzamentos da Xunta de Galicia do 2013 para as seguintes actuacións:
-Construción do novo Centro de Saúde do Alto do Castiñeiro.
-Realización das obras de implantación do saneamento na estrada AC-112, na parroquia de Sedes.
-Adquisición da Concha Acústica para o Pazo da Cultura.
-Xestión das Escolas Infantís Municipais e dos comedores escolares.
-Obras de mellora nos centros de ensino.
Ademáis, o Alcalde solicitou á deputada nacional Paloma Rodríguez que xestione ante o Ministerio de Medioambiente a situación do proxecto de expropiación do Muiño das Aceñas, dependente da Demarcación de Costas. José Manuel Blanco lembrou que existe un convenio do ano 2000 polo cal este organismo comprometíase a realizar a urbanización do paseo marítimo de Xuvia ata chegar a este muiño –actualmente chega ás inmediacións de Megasa, quedando pendente o tramo final ata As Aceñas- así coma a expropiar e rehabilitar o muiño das Aceñas.
No encontro tamén estiveron presentes Catalina García e Mario Isasi, concelleiros do PSOE de Narón.