As familias poderán tramitar as inscricións na piscina dende este venres.

O Concello de Neda completará a oferta estival de lecer activo para os máis novos da casa cun ciclo de actividades deportivas ao aire libre durante o mes de agosto. A nova proposta, para a que será posible apuntarse dende este venres, chegará unha vez que finalice o campamento municipal “Neda concilia”, buscando evitar que a rapazada caía no sedentarismo.
A pista polideportiva dos Subarreiros e a súa contorna será o escenario desta nova iniciativa, destinada a menores de entre 3 e 12 anos. Incluirá actividades predeportivas, deportes alternativos como o slackline, xincanas e circuítos de habilidade para fomentar unha vida activa.
As sesións terán lugar os luns e mércores de agosto (días 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26), entre as 11 e as 13 horas. Será unha proposta alternativa para aqueles menores que, pola razón que sexa, non poidan ou non queiran acudir ás actividades da piscina. Outra boa oportunidade para compartir momentos de lecer con amigos e amigas e outra xente da mesma idade.
As inscricións tramitaranse na piscina municipal, no horario de apertura desta instalación, é dicir, de luns a venres, de 15.30 a 20:30 horas e as fins de semana e festivos, de 12 a 20:30 horas. A actividade terá un coste de 30 euros, e as prazas son limitadas.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
