As Pontes presenta unha completa programación das Festas do Carme e A Fraga

O Concello aposta por unha programación que combina tradición, cultura, música e participación cidadá durante máis de tres semanas de celebración.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro xunto a Miguel Ledo Roca, e o autor do cartel das Festas do Carme e A Fraga 2026 | Concello de As Pontes

O Concello das Pontes presenta a programación oficial das Festas do Carme e A Fraga 2026, que se desenvolve do venres 3 ao 25 de xullo cun amplo programa de actividades culturais, musicais, deportivas, relixiosas e de lecer pensado para todos os públicos. Máis de medio cento de propostas converterán novamente o municipio nun dos grandes referentes festivos do verán galego, cunha programación que combina tradición, patrimonio, participación cidadá e espectáculos de primeiro nivel.

A presentación correu a cargo da concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, acompañada por Miguel Ledo Roca, autor do cartel anunciador desta edición, unha obra que pon imaxe ao espírito dunhas festas profundamente vencelladas á identidade pontesa.

Durante o acto, Lorena Tenreiro destacou que «preparamos unha programación moi diversa, aberta a todos os públicos e na que conviven as nosas tradicións con propostas culturais e musicais de primeiro nivel. Queremos que as Festas do Carme e A Fraga sigan sendo un espazo de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que nos visitan durante o mes de xullo, poñendo en valor o enorme traballo do tecido asociativo, das escolas municipais e dos colectivos culturais das Pontes».

Un cartel que resume a esencia das Pontes

A concelleira quixo tamén destacar o traballo realizado por Miguel Ledo Roca, autor dun cartel que reúne nunha única composición os lugares, tradicións e símbolos que fan das Festas do Carme e A Fraga unha celebración única.

«Este cartel é moito máis ca unha imaxe promocional; é unha homenaxe á nosa historia, ás nosas tradicións e ás persoas que, ano tras ano, manteñen viva esta celebración. Miguel conseguiu transformar os recordos e as emocións compartidas nunha obra contemporánea, chea de sensibilidade e detalles que nos invita a redescubrir As Pontes», sinalou Lorena Tenreiro.

A ilustración recrea unha pequena illa simbólica na que conviven algúns dos espazos máis emblemáticos da vila: a Praza do Carme, escenario dos actos relixiosos e da tradicional procesión; a Praza de América, punto de encontro da cultura e da música; a Casa do Concello e o Parque Municipal, corazón institucional e social das festas; e A Fraga, contorna natural onde culminan as celebracións coa multitudinaria romaría.

Ao redor destes espazos cobran protagonismo algúns dos elementos máis representativos da identidade pontesa: as hortensias, protagonistas da tradicional alfombra floral; as xestas, inseparables da Romaría da Fraga; as cabanas, símbolo da convivencia entre familias e amizades; os fogos artificiais, que iluminan a noite grande das festas; o mantecado, un dos sabores máis característicos destas datas; e a música, presente nos escenarios e nas rúas como fío condutor dunha celebración que une xeracións.

Cada detalle da composición transmite a esencia das festas, representando os concertos, os espazos de encontro, as tradicións e a convivencia que caracterizan o Carme e A Fraga, convertendo o cartel nunha invitación a descubrir e vivir As Pontes durante o mes de xullo.

Máis de tres semanas de programación para todos os públicos

A programación arrancará o 3 de xullo coa presentación do número 18 da revista Estudos Históricos Hume na Casa Dopeso e continuará o día 4 coa Mostra de Música Coral no Cine Alovi.

Entre as actividades previas aos días grandes destacan a exposición colectiva «Unha foto un poema», instalada no patio do CEIP Santa María entre o 9 de xullo e o 31 de agosto; a solemne novena na honra da Virxe do Carme, do 10 ao 18 de xullo; e a exposición «A música é o mellor», de Luis M. Torrente, na Casa Dopeso.

O 11 de xullo celebrarase unha nova edición do Certame de Bandas, coa participación da Banda da Escola de Música Charamela de Pontedeume, da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia e da Banda Cultural e Recreativa das Pontes.

Do 13 ao 16 de xullo, os Xardíns do Campo da Feira acollerán o Parque Activo, con actividades infantís e familiares, mentres que as noites estarán protagonizadas polo ciclo As Noites do Carme, que incluirá actuacións da Escola Municipal de Pandeireta, o III Festival Música de Ultramar, o IV Festival de Acordeóns Vila das Pontes e espectáculos para público familiar.

Archivo- París de Noia

Os días grandes das festas

O 17 de xullo comezarán oficialmente as festas co tradicional pregón, que nesta edición será pronunciado por destacados deportistas ponteses, nun recoñecemento á súa traxectoria, ao seu esforzo e aos valores que representan para a sociedade pontesa.

A continuación celebrarase o concerto do 40 aniversario de Duncan Dhu, con Mikel Erentxun á fronte, seguido dunha gran verbena coa Orquestra Panorama. O 18 de xullo, festividade da Virxe do Carme, a xornada estará marcada polos pasarrúas dos grupos tradicionais da vila, o concerto da Banda de Música das Pontes, a sesión vermú con La Mecánica, os actos relixiosos, a tradicional procesión acompañada pola Banda de Música das Pontes e pola Banda de Gaitas da Escola Municipal, a actuación da Agrupación Coral das Pontes e un gran espectáculo piromusical. A noite rematará coa verbena das orquestras La Misión e Os Players.

Unha vez finalice a verbena, na madrugada do 18 ao 19 de xullo, iniciarase a elaboración da tradicional alfombra floral na honra da Virxe do Carme, que cubrirá o percorrido da procesión do domingo. O Concello das Pontes anima á veciñanza a participar nesta iniciativa colectiva, que cada ano reúne a numerosas persoas voluntarias e constitúe unha das tradicións máis representativas das Festas do Carme.

O 19 de xullo continuará a programación coa eucaristía, a procesión da Virxe do Carme, a ofrenda floral, a sesión vermú co Grupo Antha e a verbena protagonizada polas orquestras París de Noia e Os Satélites.

O 20 de xullo celebrarase a festividade de Santa María Madalena xunto ao Festival Internacional de Folclore, que reunirá agrupacións de Galicia, Alacante, México, Chile e Serbia, antes da verbena coas orquestras Origen e Olympus.

O 21 de xullo, a Praza de América acollerá o espectáculo «A historia da Verbena», da Oca Band, mentres que o 22 de xullo a Avenida da Coruña converterase nun gran espazo de lecer infantil con inchables, xogos e festa da escuma.

A Fraga, broche final das festas

As Festas do Carme e A Fraga despediranse os días 24 e 25 de xullo coa celebración da Fraga, un dos grandes símbolos da identidade pontesa e unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O venres celebrarase o Festival da Fraga, coas actuacións de Alana, Xosé Liz, Ortiga e Mekanika Roll in Band.

O sábado terá lugar a tradicional Romaría da Fraga, con misa campestre, sesión vermú amenizada por Festicultores, pasarrúas da Batukada Latexo e a actuación da Orquestra Triunfo, poñendo o broche final a máis de tres semanas de intensa actividade cultural, musical e festiva.

Lorena Tenreiro concluíu convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunhas festas que, segundo destacou, «representan o mellor das Pontes. Son unha celebración que fala da nosa identidade, da nosa capacidade para conservar as tradicións e, ao mesmo tempo, ofrecer unha programación moderna, diversa e de calidade. Agardamos que estas festas volvan ser un espazo de encontro, convivencia e orgullo colectivo, no que veciñanza e visitantes compartan o mellor do noso patrimonio, da nosa cultura e da nosa hospitalidade.»

Lea también

Finalizan en Neda los trabajos de construcción de la nueva rotonda de Xuvia

Finalmente han concluido las obras de la rotonda de Xuvia, una intervención solicitada por el …