Neda licita a rehabilitación dun vello depósito de auga potable para responder a situacións de alta demanda

A posta en servizo permitirá incrementar nun 25% a capacidade de almacenamento do sistema municipal de abastecemento.

Antigo depósito de auga “Os Pazos II | Concello de Neda

O Concello de Neda licita un dos proxectos anunciados para mellorar o abastecemento de auga potable do municipio. Trátase da rehabilitación e posta en servizo do antigo depósito de auga “Os Pazos II”, que leva anos sen usarse. O obxectivo, incrementar a capacidade de almacenamento actual, axustada na actualidade á demanda media diaria.

A recuperación do segundo dos depósitos existentes na zona dos Pazos é unha das propostas formuladas por Veolia, concesionaria do servizo municipal, para facer fronte a situacións de alta demanda, axudando a evitar situacións puntuais de desabastecemento, derivadas baixos caudais que aporte o Belelle ou da conexión en alta co abastecemento procedente do encoro das Forcadas.

O proxecto municipal, cun orzamento de 48.645 euros (IVE incluído), contempla as melloras precisas para poñer a punto a instalación para que volva funcionar de forma eficiente. O depósito leva anos fóra de uso, porque, polo seu estado de conservación, perdía por infiltración boa parte da auga almacenada. O catálogo de melloras para poñer a punto a instalación inclúe, entre outras, a limpeza con auga a presión das paredes interiores, o baleirado de lodos e restos desprendidos, a execución dun novo fondo, a impermeabilización de paredes, substitución das vellas conducións e válvulas e, finalmente, a conexión do depósito á rede.

A posta en servizo permitirá incrementar en 400 m3 a capacidade de almacenamento do sistema municipal de abastecemento, que rolda na actualidade os 1.600 m3. O incremento sería pois do 25%.

As empresas interesadas teñen ata o 15 de xullo para presentar ofertas, podendo consultar os pregos no perfil do Concello de Neda na Plataforma de contratación do sector público. O proxecto financiarase con cargo ao POS+ 2025 Adicional 4.

Lea también

Activado en Valdoviño o servizo de socorrismo na Frouxeira, Pantín, O Río, Vilarrube e O Baleo

Tras varios anos, rematan os problemas para a contratación, e neste exercicio incorpóranse ata 31 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *