A entrega de premios do IV concurso Demo Pequeno reuniu en Fene ás futuras promesas da banda deseñada

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o director de Demo Editorial, Manel Cráneo, e os debuxantes e membros do xurado Paula Esteban e Alberto Taracido, foron os encargados de entregar este luns na Casa da Cultura de Fene os diplomas e agasallos aos gañadores do Concurso de Banda Deseñada de Humor Demo Pequeno. O acto desenvolveuse na sala de exposicións temporais onde xa se pode ver a mostra do certame cunha selección das obras presentadas a concurso. Pero, amais da exposición física, desde onte pódese visitar na web do Museo do Humor Xaquín Marín (https://fene.gal/museo-do-humor/portada-museo-humor/gl) a galería virtual do certame.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, felicitou aos premiados e animounos a continuar debuxando, salientando ademais que Fene é un Concello que aposta pola cultura e pola arte. Pola súa banda, o director de Demo Editorial e presidente do xurado, Manel Cráneo, salientou que nunha profesión copada maioritariamente por homes, foi unha sorpresa agradable descubrir que a maioría dos premios deste concurso de banda deseñada infantil e xuvenil recaeron este ano en rapazas.

Premiados

Na categoría Infantil (de 8 a 11 anos), Inés Bravo Rodríguez foi a gañadora do 1º premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, pola obra titulada Dinos na lúa. O xurado valorou desta obra o enfoque da historia, abordando o cambio climático desde unha perspectiva doméstica e familiar (levando o cotidiano a outro mundo que segue a ser o noso). Tamén salientou a composición e a linguaxe das viñetas.

O 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, foi para a obra sen título de Enma Rodríguez Grueiro. O xurado valorou o deseño e a expresividade de personaxes; a claridade coa que aborda o tema; a composición de páxina e como está distribuída a información ao redor da viñeta central; e a capacidade de síntese visual, contando a historia practicamente sen texto.

Na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos), Diego Noguerol Feijóo foi o gañador do 1º premio cunha bd titulada “O negacionista” pola que acadou: 150 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma. O xurado valorou a excelente capacidade narrativa e o manexo dos tempos do autor; o equilibrio entre guión e debuxo; a técnica de rotulación, entintado e cor e a limpeza no acabado. Tamén salientou o interese pola memoria, con referencias ao afundimento do Prestige; e os diálogos da historia nos que demostra a súa capacidade de síntese.

E o 2º premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, foi para a obra titulada Polar na Venecia de Carlota Arias Busto. O xurado valorou a plástica e a técnica do debuxo; a composión, o trazo e o deseño de perxonaxes e, en xeral, o manexo da linguaxe do cómic. Tamén salientou o toque positivista da historia que é complicado para o tema que aborda.

Por último, entregáronse as dúas mencións de honra outorgadas polo xurado na categoría xuvenil a: Paula Pérez Díaz, por Barbacoa sideral, e Valeria Rodríguez García, por Sequía.

Lea también

Finalizan en Neda los trabajos de construcción de la nueva rotonda de Xuvia

Finalmente han concluido las obras de la rotonda de Xuvia, una intervención solicitada por el …