O Campus de Ferrol acolle unha nova edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez

Participarán destacadas figuras do ámbito académico, cultural e institucional galego como Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Pilar García Negro ou Fernando González Laxe.

De esquerda a dereita, Esperanza Piñeiro, Julia Díaz, Ana Ares, Asunción L. Arranz, durante a rolda de prensa de presentación do XVIII Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez.

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz; e as directoras do curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, presentaron este venres, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a XXVII edición deste curso de pensamento e comunicación. O evento terá lugar, os días 1, 2 e 3 de xullo, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol e afondará na identidade e na gobernanza de Galicia no mundo actual, abordando cuestións relacionadas coa lingua, a cultura, a acción exterior, o territorio, o dereito e os modelos de desenvolvemento do país.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, salientou o “interese” desta proposta formativa e recalcou que os futuros e futuras profesionais terán que traballar nun contexto social, institucional e normativo no que a identidade, a cultura e a gobernanza condicionan a toma de decisións, os proxectos e mesmo o seu impacto. Polo que, “entender ese contexto é clave para formar persoas profesionais completas, críticas e comprometidas”, engadiu.

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, quixo recalcar a “calidade” e “oportunidade histórica” deste curso de pensamento de comunicación dedicado a Carlos Gurméndez. “Estudamos a globalización, as migracións e a nova orde mundial. Neste momento, volver a Galicia era unha necesidade”, explicou. En liña con isto, e citando ao xornalista e escritor Manuel Rivas, a codirectora do curso e profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, asegurou que “a historia de Galicia deixa claro que a identidade non medra sen memoria e que esta non é un luxo retrospectivo”.

Por último, a tamén codirectora e historiadora Esperanza Piñeiro explicou que o curso dará comezo o mércores 1 de xullo, ás 10:00 horas, cunha apertura institucional seguida da conferencia do presidente da Real Academia Galega (RAG) e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Henrique Monteagudo, titulada “Cultura, lingua e identidade. Os retos de futuro da lingua galega”. Ás 12:00 horas intervirá o exreitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e expresidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, quen pronunciará o relatorio “Galicia non se entende sen América”. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, tomará a palabra o director da Fundación Juana de Vega e profesor do Departamento de Empresa, Economía Financieira e Contabilidade da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Andrade, quen pronunciará a conferencia “A Galicia Rural: identidade, territorio e gobernanza nun país en transformación”. Ás 17:30 horas será a quenda do director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Christoph Schreinmoser, co relatorio “Galicia no mundo: acción exterior, desafíos e oportunidades”.

Na xornada do xoves 2 de xullo, ás 10:00 horas, intervirá a escritora e profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), Pilar García Negro, coa conferencia “Unha literatura excelsa no contexto dunha lingua sen normalidade”. Ás 11:00 horas, falará o expresidente da Xunta de Galicia e catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC), Fernando González Laxe, quen pronunciará o relatorio “Condutas, racionalidade, lóxicas e conflitos no sector pesqueiro-marisqueiro”. A última conferencia da mañá, centrada nas “vidas paralelas” de Óliver Laxe e Lois Patiño, terá lugar ás 12:30 horas da man do filósofo e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Alberto Sucasas. A partir das 16:30 horas, o programa inclúe o relatorio do dramaturgo e artista plástico Francisco Oti, titulado “Teatro e identidade no espazo político e social de Galiza”, así como unha actuación musical a cargo de Xoán Rubia e María Manuela.

Para rematar, o venres 3 de xullo, a partires das 10:00 horas, intervirán a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, quen falarán sobre o imaxinario popular galego e as especificidades do dereito galego, respectivamente.

As persoas interesadas en participar neste curso gratuíto terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a info@clubdeprensaferrol.com ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 09:30 horas do mércores 1 de xullo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.

Lea también

El Campus Industrial de Ferrol acoge una nueva edición de las «Xornadas DoutoreAndo» bajo el lema “Investigando en Verde”

La vicerrectora del Campus de Ferrol y Responsabilidad Social, Ana Ares, y el director del …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *