O segundo percorrido do programa “En ruta con Equiocio Ferrol” terá lugar o sábado 4 de xullo, con saída ás 10:00 horas do local social de Esmelle. O itinerario, circular e de 9 quilómetros, estará guiado por Paulino Gasalla, vicepresidente da Asociación de Veciños Val de Esmelle.
Equiocio Ferrol abre inscricións na ruta guiada polos muíños e o castro de Esmelle. Trátase do segundo e último percorrido do programa “En ruta con Equiocio Ferrol”, e celebrarase o vindeiro sábado 4 de xullo, con saída ás 10:00 horas do local social.
Nesta ocasión, o itinerario estará guiado por Paulino Gasalla, vicepresidente da Asociación de Veciños Val de Esmelle e un auténtico experto na materia. Con participación de balde, as prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente enviando un email ao correo secretaria@equiocio.es (sinalando nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto de cara a formalizar o seguro que cubre ás persoas anotadas). O prazo conclúe o xoves 2 de xullo.
A ruta é circular e consta de 9 quilómetros, con dificultade media-baixa. Tan só hai un punto de dificultade alta: un tramo duns 55 metros para acceder ao castro, con forte pendente. Poden participar menores a partir de 12 anos sempre, acompañados dunha persoa adulta-, e contarase con servizo de intérprete de lingua de signos para facilitar a asistencia de persoas xordas.
O itinerario inclúe máis dunha vintena de antigos muíños, fontes e lavadoiros que, noutros tempos, formaban parte da vida cotiá dos habitantes da zona rural. Neste itinerario, haberá tamén tempo para facer unha parada no castro de Tralocastro ou castro de Esmelle, do 400 A.C., xacemento arqueolóxico moi ben conservado que, segundo se confirmaba nas últimas prospeccións, tratouse dun espazo arquitectónico de uso colectivo.
“En ruta con Equiocio Ferrol” é unha iniciativa que Equiocio Ferrol leva desenvolvendo nos últimos anos para dar a coñecer e poñer en valor o territorio no que se desenvolve o certame, fomentando ao mesmo tempo hábitos saudables como a práctica do exercicio físico.
O certame volverá contar neste 2026 co Concello de Ferrol, a Deputación provincial da Coruña e a Xunta de Galicia, así como Gadis, Estrella Galicia e Integral Motion como patrocinadores principais.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
