O Jazz de Ría inicia este mércores cinco días de festival pola Costa Ártabra

O ceo dará mañá o sinal de saída á décima edición do Jazz de Ría. O festival comezará este mércores 12 de agosto no miradoiro de San Antón de Corveiro, en Cedeira, cunha xornada excepcional na que música, paisaxe e astronomía coincidirán arredor da eclipse total de Sol. Desde este enclave da Costa Ártabra poderán desfrutarse 1 minuto e 43 segundos de totalidade, un dos maiores tempos de observación completa do fenómeno en Galicia.

Xabier Diaz | Festival Jazz de Ría

A música comezará ás 19.00 horas cunha sesión especial de DJMIL, concibida para esta apertura e creada en directo desde San Antón de Corveiro. A proposta irá acompañando a transformación da luz e da paisaxe ata a chegada da totalidade, nunha experiencia na que jazz, hip hop, creación sonora e astronomía compartirán escenario.

 Produtor, DJ e creador cunha longa traxectoria detrás dos pratos, DJMIL afrontará esta apertura desde o encontro entre dous universos que forman parte da súa propia identidade musical: os elementos e sonoridades do jazz e o carácter, a técnica e a cultura do hip hop. Unha mestura coherente cunha carreira marcada polo cruzamento de formatos e linguaxes e na que ten acompañado propostas tan diversas como Sumrrá, Wöyza ou Mucho Muchacho e producido música para Tanxugueiras, Dios Ke Te Crew ou Zalama Crew.
 
Trala eclipse chegará o concerto de Xabier Díaz, unha das figuras fundamentais na recuperación e actualización da tradición oral galega, que se presenta en San Antón de Corveiro nun formato especial a cuarteto, pouco habitual nas súas actuacións en Galicia, acompañado por Iván Costa á zanfona, Roberto Grandal ao acordeón e Guillermo Guerrero á guitarra. A incorporación ao seu proxecto de músicos procedentes doutros territorios sonoros foi ampliando nos últimos anos o espazo para a improvisación, as atmosferas e as linguaxes próximas ao jazz, facendo da tradición unha materia viva desde a que explorar e crear dialogando co folk, co jazz e coa creación contemporánea sen perder o seu ADN nin a conexión co territorio.
 
Esa maneira de entender a música encaixa como luva coa filosofía do Jazz de Ría, que leva dez anos procurando que as propostas artísticas dialoguen cos lugares nos que acontecen. En San Antón de Corveiro, esa relación adquirirá mañá unha dimensión excepcional: música nacida da tradición galega e aberta á improvisación soando sobre o Atlántico mentres a eclipse transforma a luz e a paisaxe. Unha apertura que condensa, dalgún xeito, o relato desta décima edición: sons que nacen nun territorio pero que poden viaxar, transformarse e atoparse con outras músicas, como sucedeu coa melodía recollida por Alan Lomax en Ourense que acabaría chegando á trompeta de Miles Davis.
 
Lanzadeiras gratuítas e gafas homologadas para a eclipse
Co obxectivo de facilitar o acceso e preservar o espazo natural de San Antón de Corveiro, non será posible acceder ao miradoiro en vehículo particular. A chegada deberá facerse a pé ou nos autobuses lanzadeira gratuítos habilitados polo festival, que sairán ás 18.30 horas desde o Paseo Arriba da Ponte, no centro de Cedeira. Os autobuses realizarán tamén o traslado de volta unha vez remate o concerto de Xabier Díaz.
 
A organización facilitará ademais gafas homologadas para poder observar a eclipse de maneira segura e recomenda ao público acudir con suficiente antelación. Esta sesión inaugural do Jazz de Ría, promovida polo Concello de Cedeira, conta coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña e co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Archivo – Ruta polos balcóns ao atlántico, Jazz de Ría 2024

Cinco días seguindo unha melodía de Galicia ao mundo

A apertura de mañá será o primeiro capítulo dunha programación que, ata o domingo 16, percorrerá Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda e que converte o décimo aniversario nun diálogo entre territorio, memoria, tradición e creación contemporánea.
 
O fío que atravesa boa parte desta edición nace dunha historia tan sorprendente como real. En 1952, o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax percorreu Galicia gravando diferentes expresións da tradición oral. En San Miguel do Campo, en Ourense, rexistrou ao afiador e capador José María Rodríguez interpretando co seu chifre a melodía coa que anunciaba a súa chegada ás vilas. Anos despois, aquel son reapareceu na trompeta de Miles Davis ao comezo de The Pan Piper, incluído en Sketches of Spain (1960).
 
O xoves 13, o festival chegará a Valdoviño. Ás 19.00 horas desenvolverase o roteiro Balcóns ao Atlántico, que conducirá ao público ata o Castro do Rodo, onde Marina Vigo, Luís Bolón e Sandra Pérez realizarán unha intervención construída arredor do repertorio recollido por Alan Lomax en Galicia. Entre esas músicas estará precisamente a melodía do chifre que acabaría chegando a Miles Davis, reinterpretada agora desde unha mirada contemporánea mediante gaita, zanfona e marimba.
 
Tras esta intervención musical o percorrido continuará ata a Praia do Baleo onde ás 21.00 horas comezará o concerto dos peruanos Alejandro y María Laura, cunha proposta que combina canción de autor, jazz e músicas de raíz. O seu último traballo, Dos hemisferios, foi nomeado aos Latin Grammy e forma parte dunha traxectoria que os levou a presentar a súa música en escenarios de Europa e América Latina.
 
100xMILES: músicos galegos para celebrar un século de Miles Davis
O venres 14, o Pazo da Cultura de Narón acollerá un dos proxectos singulares creados especificamente para esta décima edición: Ensemble 100xMILES, unha formación que reúne a Ricardo Formoso á trompeta, Pablo Añón ao saxo, Iago Mourinho ao piano, Pablo Sanmamed ao contrabaixo e Miguel Fernández á batería.
 
O repertorio tomará como punto de partida o histórico concerto ofrecido por Miles Davis co seu quinteto no Olympia de París en 1960, que supuxo a súa última colaboración co saxofonista John Coltrane, de quen tamén se cumprirá este ano o centenario do nacemento. A proposta percorrerá ademais composicións fundamentais asociadas ao universo de Davis como Round About MidnightOleo ou So What, pertencente a Kind of Blue, un dos discos que transformaron a historia do jazz e da música contemporánea.
 
Da memoria oral ao jazz internacional
O sábado 15, a programación continuará en Narón cunha mañá dedicada á palabra e á memoria. No Mosteiro do CoutoQuico Cadaval presentará O eco do chifre, unha contada na que tirará da memoria, a imaxinación e a súa particular capacidade para a improvisación para reconstruír a fascinante viaxe que puido levar o asubío dun capador galego ata a obra dun dos grandes músicos do século XX.
 
Pola tarde, o Parque do Río Freixeiro concentrará boa parte da dimensión internacional desta décima edición. A cantante palestino-irlandesa Sara Dowling unirase ao trío do pianista estadounidense Michael Kanan para revisitar o repertorio clásico do jazz desde a interacción e a improvisación; Albert Cirera & Tres Tambors presentará Orangina, o seu novo traballo, construído sobre o equilibrio entre composición e liberdade; e o Yosvany Terry Quartet levará ata Narón a particular linguaxe do saxofonista cubano, na que conflúen a tradición afrocubana, África Occidental e o jazz estadounidense. Terry conta cunha extensa traxectoria internacional e ten colaborado con músicos como Chick Corea, Gonzalo Rubalcaba, Steve Coleman ou Chucho Valdés.
 
A travesía rematará o domingo 16 na Ribeira de San Nicolás, en Neda, co arxentino Manu Sija, multiinstrumentista, compositor e improvisador que cruza jazz contemporáneo, folclore arxentino e experimentación electrónica. A través do live looping e de instrumentos como o violín, o baixo, a guitarra ou o bandoneón, Sija constrúe en tempo real as paisaxes sonoras que porán o punto final á décima edición.
Con artistas procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos e España, o Jazz de Ría celebra así os seus dez anos coa edición máis internacional da súa traxectoria, mantendo ao mesmo tempo unha das características que definiron o proxecto desde o seu nacemento: facer da Costa Ártabra, da súa paisaxe, do seu patrimonio e da memoria das comunidades que a habitan parte inseparable da experiencia artística.
 
Toda a programación, horarios e información práctica poden consultarse na web oficial do Jazz de Ría e nas redes sociais do festival.
 
 

Lea también

Galicia prevé un verano de récord con la mirada puesta en el eclipse, que atraerá más del 30% de los turistas de agosto

El director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, prevé que el eclipse solar del próximo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *