Narón inicia este venres coa andaina solsticial unha nova edición das Lendas da Pena Molexa

Narón celebra os días 12 e 20 de xuño a Recreación das Lendas da Pena Molexa, con andaina solsticial, concerto de Xurxo Fernandes e representación teatral da Lenda da Fada a cargo da Escola de Teatro de Narón, entre outras actividades.
 
 
A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a presidenta da AVV Os Irmandiños do Val, Manoli Castro, presentaron este mércores os actos que se desenvolverán os días 12 e 20 de xuño con motivo da Recreación das Lendas da Pena Molexa.
 
A programación dará comezo este venres coa tradicional andaina solsticial, aberta á participación cidadá. Como de costume, a ruta partirá ás 22:30 horas do convento de Baltar con chegada á Pena Molexa e os camiñantes levarán fachos para alumear o percorrido. Na xornada do día 20 levaranse a cabo os actos centrais da Pena Molexa.
 
Narón- Andaina solsticial 2025. Archivo
Ás 18:00 horas darán comezo os xogos populares tradicionais e ás 20:00 horas poderase degustar unha churrascada popular e bocatas Molexos preparados para a ocasión, adquirindo os tickets ese mesmo día na zona do evento. Ás 22:00 horas subirá ao escenario Xurxo Fernandes co seu traballo «Levaino!» nun concerto que precederá á representación da Lenda da Fada da Pena Molexa, que principiará á medianoite e correrá a cargo do alumnado da Escola de Teatro de Narón.
 
A peza recrea a historia dunha moura que pola noite se converteu en rocha coincidindo co solsticio de verán. O peche chegará ás 00:30 horas co Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón. O Concello organiza a convocatoria a través do Padroado da Cultura, en colaboración coa AVV «Os Irmandiños» e a Agadic.
 
Dende a asociación animan á veciñanza a participar neste evento que permite manter vivas as tradicións e lendas do territorio, á vez que ofrece música e gastronomía para persoas de todas as idades nunha contorna natural incomparable como son as inmediacións da Pena Molexa.
 
Pola súa banda, Marían Ferreiro destacou o traballo que realiza a entidade veciñal do Val para manter no tempo esta celebración, na que se implica a veciñanza desta parroquia da cidade, e recalcou a importancia de apostar por actividades coma esta cun marcado carácter cultural.

Lea también

Narón pon en marcha tres iniciativas de reforzo educativo

As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o …