As Pontes Ecuestre consolídase no calendario hípico galego

O Club Hípico Prado Ventura organiza un ano máis o certame coa colaboración do Concello das Pontes, da Deputación da Coruña e da Federación Hípica Galega.

As Pontes Ecuestre 2026

As Pontes Ecuestre regresará á localidade o próximo sábado 6 de xuño, e como é xa tradición, a casa consistorial acollía nestas xornadas previas o acto de presentación oficial da cita. Participaban no mesmo a concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco; a presidenta do club organizador, Natividad González Laso, e máis a técnica deportiva Noa García, así como o director do certame, Federico Pérez Lago.

A concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco, destacou esta mañá “a importancia que ten As Pontes Ecuestre tanto desde o punto de vista deportivo como turístico, xa que se trata dunha cita que sitúa ao municipio no calendario galego da hípica e que, ao mesmo tempo, permite mostrar a visitantes e participantes a riqueza natural e paisaxística do entorno do lago”. López Seco subliñou ademais “o impacto positivo que eventos deste nivel teñen na economía local e na promoción exterior das Pontes como destino para a práctica deportiva e o turismo activo”.

En apenas catro anos, o evento hípico tense consolidado xa no calendario autonómico, coa vocación de ampliar horizontes ano tras ano, medrando non só en xinetes e amazonas participantes senón tamén en público disposto a desfrutar da emoción da competición, e tamén, dunha contorna natural espectacular. Precisamente, Federico Pérez Lago, á súa vez presidente da Federación Hípica Galega, destacaba o enorme potencial e versatilidade do lago para acoller probas destas características pola amplitude de espazos, a natureza do terreo e as condicións da zona, que facilitan ao máximo a loxística, convertendo así o deporte en escaparate turístico dun lugar singular.

Pola súa banda, Natividad González Laso confiaba en reeditar, ou incluso mellorar, as cifras de participación da pasada edición, cando se xuntaron preto de 200 xinetes e amazonas nas diferentes probas. A inscrición está aberta a través da web da Federación Hípica Galega, e haberá que agardar ata a próxima semana para coñecer os rexistros definitivos.

Así, Noa García apuntaba que o certame volverá acoller o Concurso de Saltos Territorial, de carácter autonómico, e con 4 probas sobre alturas de 0,30, 0,50, 0,80 e 1,00 m, e unha das probas do Campionato Galego de Andadura, con gran tradición na contorna. Como en 2026, estas dúas competicións irase alternando na pista central para darlles todo o protagonismo.

Así mesmo, e co apoio da Deputación da Coruña, As Pontes Ecuestre volverá sumarse a Ferrol e Ortigueira como sede da II Liga Ferrol-Eume-Ortegal, competición entre clubs. Tamén apostará de novo polos bautismos hípicos como unha das mellores ferramentas para achegar este deporte aos máis pequenos e pequenas da casa. Serán de balde e con inscrición durante a xornada. E como novidade, a organización recupera nesta edición o vistoso triangular de horseball -baloncesto a cabalo-.

Por último, a presidenta de Prado Ventura non quixo deixar pasar a oportunidade de agradecer ao Concello das Pontes o seu apoio, clave para desenvolver a cita e gañar en ambición edición tras edición. Tamén o soporte da Deputación da Coruña, especialmente a través da Liga Ferrol-Eume-Ortegal, e a man tendida da Federación.

Lea también

Último día para apuntarse na Ruta ciclista en familia en San Sadurniño

O Concello e o club MTB Biela e Chaveta teñen programado un amplo calendario de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *