Valdoviño celebra en conmemoración do Día do Libro unha Cita literaria a cegas

No marco da programación deseñada para conmemorar o Día do Libro, o Concello de Valdoviño convidaba á veciñanza a participar nunha cita literaria a cegas con espectáculo segredo incluído o pasado venres á tardiña.

A Biblioteca Municipal acollía a actividade, na que as participantes acodían cos seus libros envoltos a modo de agasallo. Xa no centro de lectura, persoal municipal entregábanlles unhas tarxetiñas para que escribisen unha breve reseña das obras, evitando mencionar o título, e xuntaban as publicacións nunha cesta agardando ao remate da función anunciada, e para sorpresa do público, protagonizada polo grande narrador Caxoto.

Da man do programa Ler conta Moito, traía a Valdoviño o seu espectáculo «Un libro baixo a almofada», unha auténtica homenaxe aos libros clásicos lidos na infancia, a aqueles que marcan e nos convidan ás nosas primeiras aventuras e fantasías.

E como colofón á actividade, cada quen foi lendo as tarxetiñas das publicacións e, segundo as reseñas, foi elixindo a súa futura lectura.

Lea también

Galicia busca consolidarse como uno de los grandes destinos para la música en directo

Concertos do Xacobeo: la banda sonora de una Galicia que conquista visitantes los doce meses …