O Concello de Narón e a asociación Furgo Galicia abren este luns 27 de abril, ás 12:00 horas, o prazo para adquirir as entradas das zonas camper, de acampada e glamping do Gulliver Fest 2026, que celebrará a súa sexta edición entre o 6 e o 9 de agosto.

O evento desenvolverase novamente na paraxe natural do Muíño de Pedroso – cámping do río Xuvia, un enclave xa consolidado coma un dos principais puntos de encontro da cultura viaxeira en Galicia.
As persoas interesadas poderán formalizar a compra das entradas a través da web oficial do festival https://gulliverfest.naron.gal/. A venda online permanecerá activa ata o 1 de agosto; a partir desa data, as entradas só se poderán adquirir no propio recinto, sempre que haxa dispoñibilidade.
A organización lembra que será preciso retirar entrada unicamente para facer uso das zonas de pernocta —camper, acampada ou glamping—, mentres que o acceso ás actividades do festival será libre.
O Gulliver Fest manterá este ano a súa aposta por unha programación variada, con propostas dirixidas a todos os públicos. Ao longo dos catro días combinaranse concertos, cinema familiar, actividades infantís, obradoiros, deporte ao aire libre e as xa características charlas de viaxes.
Entre as actuacións confirmadas como adianto da programación figuran artistas como Lidia India, Farra Fanfarra, Muyayo Rif, Wahira ou Balkan Bomba, ademais da presenza continuada de La Duendeneta como dinamizadora musical do festival.
O programa inclúe tamén actividades como sesións de ioga, xogos tradicionais, teatro sobre rodas, unha carreira de orientación e propostas participativas como a creación de chapas do festival ou a tradicional foto de familia con Gulliver.
Como noutras edicións, habilitarase así mesmo un mercado de artesanía cunha quincena de postos nas inmediacións do muíño de Pedroso.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
