Avanzan as obras para renovar beirarrúas e cruces en Xuvia, Narón, e mellorar a accesibilidade

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, supervisaron o avance dos traballos de mellora da accesibilidade na contorna da praza do Concello de Xuvia, unha actuación que busca adaptar este ámbito urbano ás necesidades actuais de mobilidade peonil.
 
 
A intervención responde á necesidade de renovar e adaptar os accesos ás beirarrúas dos viais que rodean o antigo consistorio, pavimentados hai arredor de quince anos. O paso do tempo, xunto cos cambios nos sentidos de circulación e as limitacións físicas do espazo —anchos reducidos e desniveis— fan necesaria unha actuación que mellore a accesibilidade, especialmente para persoas con mobilidade reducida. As obras céntranse principalmente en dous treitos das rúas Xoán XXIII e Foro, así como nos accesos directos á praza.
 
En concreto, estanse a reformar doce esquinas de cruces para facilitar os itinerarios peonís accesibles, ademais de actuar sobre dúas beirarrúas lineais que suman máis de 400 metros cadrados. Tamén se inclúe a pavimentación de dous cruces na rúa Foro, cunha superficie próxima aos 300 metros cadrados.
 
O proxecto contempla a creación dun itinerario continuo e accesible en toda a contorna, mellorando a conexión entre os distintos puntos da zona e eliminando barreiras arquitectónicas. O investimento total ascende a algo máis de 63.500 euros, financiados a través do plan provincial.
 
O prazo de execución das obras é de tres meses, polo que se prevé que a actuación poida quedar rematada este verán se os traballos avanzan segundo o previsto. Durante a visita, a rexedora e o edil responsable das obras puideron comprobar o estado e a evolución dos traballos, que buscan mellorar a seguridade e a accesibilidade nun dos puntos neurálxicos do barrio de Xuvia.

Lea también

O BNG de Narón propón converter os lavadoiros en centros de memoria etnográfica e un tributo ás mulleres

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón conseguiu o ditame favorable na comisión …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *